A Casa do Pobo de Ourense acolleu un novo parladoiro centrado na conquista da Democracia

O PSdeG-PSOE de Ourense abriu este xoves, unha vez máis, as portas da Casa do Pobo provincial para un novo parladoiro aberto á cidadanía, no que estivo presente o historiador e fundador da Unidade Militar Democrática, Xosé Fortes Bouzán. Baixo o epígrafe “A conquista da Democracia”, Fortes analizou polo miúdo todo o acontecido dende os últimos anos de franquismo ata o día de hoxe, destacando que “se hoxe vivimos nun país democrático e gracias a loita de todas e todos os cidadáns do país”.
Nunha Casa do Pobo ateigada de persoas que non quixeron perderse este novo parladoiro, Xosé Fortes Bouzán fixo un repaso da historia do país e das súas vivencias persoais, subliñando que “o ditador morreu na cama, pero a ditadura morreu na rúa, pola loita social que fixo posible o cambio”. Tamén aproveitou para lembrar os pasos dados tanto por el como por outros compañeiros militares para fundar en 1974 a Unidade Militar Democrática “unha organización que nace de forma clandestina en pleno franquismo, co obxectivo de liquidar a ditadura e facer posible a transición democrática”.
Durante a súa intervención, Fortes Bouzán apuntou tamén para facer unha comparativa entre España e Portugal e o xeito no que remataron ambas ditaduras, facendo fincapé na revolución dos caraveis e comparando o comportamento dos exércitos portugués e español e as súas formas de actuar ante o que supuña a chegada da democracia aos dous países veciños.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou durante a presentación do acto que “estamos ante un novo parladoiro que é unha fermosa verba galega que enxalza a deliberación, o intercambio de impresións, o entendemento e o coñecemento”. O líder dos e das socialistas ourensás tamén sinalou que “hoxe contamos cun excelente relator para profundar na historia dun ben tan prezado e tensionado nos nosos días como é a democracia”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense agradecen a presencia da cidadanía “sen distincións ideolóxicas e que tomou parte do diálogo plural, a esencia pura destes actos que vimos organizando ao longo dos últimos meses”. As e os socialistas animan a toda a cidadanía “participar en vindeiras actos que se organizarán na Casa do Pobo, non só polo seu interese, senón pola oportunidade que supoñen para sentarse a debater sobre temas de actualidade”. Por último afirman que a Casa do Pobo Provincial “estará sempre aberta aos ourensáns e ás ourensás para servir de nexo de unión e como punto de encontro no que xerar debates e ideas para o desenvolvemento da cidade, da provincia e do país”.