A Casa dos Poetas de Celanova acollerá un encontro poético que aspira a converterse en cita anual

A Casa dos Poetas de Celanova será escenario, o vindeiro venres 28 de agosto ás 20.00 horas, dun encontro poético impulsado pola Fundación Curros Enríquez en colaboración co Concello de Celanova. A iniciativa nace coa vocación de repetirse cada ano e converterse nunha cita fixa do calendario cultural da vila.
A idea orixinal partiu de dous veciños vinculados a Celanova: Quique Moreiras, residente na localidade, e Obdulio Suárez, coñecido como Goliardo Ceibe, afincado en Barcelona. A proposta xurdiu a raíz da presentación da obra de Goliardo na propia Casa dos Poetas. A ambos os dous sumaranse, como enlace coas Terras de Celanova, os poetas Chus Pato, Calis Pato e Artur Alonso, ademais de Andrés Fernández, integrante do grupo Cana Verde, que porá a parte musical do acto.
Baldomero Moreiras tamén colaborou coa iniciativa cedendo a imaxe que ilustra o cartel do encontro, cuxo obxectivo é situar a poesía no centro, fomentar os vínculos entre autores e dar visibilidade á obra dos propios poetas locais.
Durante a velada, ademais das intervencións dos participantes, recitaranse ou cantaranse poemas doutros autores celanoveses, coma Celso Emilio Ferreiro e Baldo Ramos.