A Casa dos Poetas entrega á Cruz Vermella os alimentos recadados durante a exposición "Destino"

A Casa dos Poetas, en Celanova, realizou este venres a entrega dos alimentos recadados durante a celebración da exposición "Destino", do artista Manuel Valcárcel, organizada por Afundación. A iniciativa solidaria desenvolveuse entre os meses de abril e xuño, coincidindo co período no que a mostra permaneceu aberta ao público.
Esta campaña repítese cada ano e permite destinar os alimentos recollidos á Cruz Vermella, reforzando o carácter solidario da programación cultural da Casa dos Poetas.
Nesta edición, a entidade quixo salientar especialmente a implicación do alumnado que participou nas visitas escolares organizadas durante os meses da exposición. Tamén expresou o seu agradecemento ao profesorado que promoveu esta colaboración e contribuíu á recollida de alimentos.
No acto de entrega participaron o presidente da Fundación Curros Enríquez, Antonio Puga; o coordinador de Banca Institucional de Abanca en Ourense, Mateo Alonso Román; o subdirector da oficina de Abanca en Celanova, José Ángel Quintas Díaz; o presidente da Asemblea da Cruz Vermella de Celanova, Francisco González Soto; e a coordinadora da entidade, Tania Salgado Rodríguez.