A CHMS activa a prealerta por seca en boa parte da demarcación do Miño-Sil e chama ao aforro de auga

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Os caudais circulan un 45 % por baixo do habitual e a situación afecta ás zonas do Miño Alto, Cabe, Sil Inferior, Baixo Miño e Limia
leito-baixo-do-río--Miño-Lugo
4 Aug 2026

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) declarou o escenario de prealerta por escaseza conxuntural de auga en gran parte da súa demarcación tras constatar un importante descenso dos caudais nos ríos. A medida afecta aos sistemas de explotación do Miño Alto, Cabe, Sil Inferior, Baixo Miño e Limia, quedando fóra desta situación unicamente o Sil Superior.

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, reuniu este luns a Oficina Técnica da Seca (OTS) para analizar a evolución dos recursos hídricos. Segundo explicou, os caudais circulantes atópanse actualmente un 45 % por debaixo dos valores habituais para o mes de xullo debido á escaseza de precipitacións rexistrada desde marzo. Durante os últimos cinco meses recolléronse arredor de 180 litros por metro cadrado menos do habitual, o que supón un descenso do 49 % respecto á media dese período.

A situación afecta a unha ampla parte do territorio da demarcación. No sistema Miño Alto inclúense, entre outros, concellos como Lugo, Sarria, Chantada, Vilalba, Castroverde, O Corgo, Guitiriz, Begonte ou Rábade. O sistema do Cabe abrangue principalmente municipios da comarca de Lemos, como Monforte de Lemos, Pantón, Sober, Bóveda, O Incio, A Pobra do Brollón e Ribas de Sil. Pola súa banda, o Sil Inferior esténdese por boa parte das comarcas de Valdeorras, Terra de Caldelas e O Ribeiro, con concellos como O Barco de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, San Clodio, Castro Caldelas ou Carballeda de Valdeorras. O Baixo Miño inclúe municipios do sur da provincia de Pontevedra como Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Salvaterra de Miño e As Neves, mentres que o sistema Limia comprende localidades ourensás como Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Porqueira, Os Blancos ou Baltar.

A declaración de prealerta implica reforzar a vixilancia e o control das infraestruturas de abastecemento por parte das entidades locais, que son as administracións competentes nesta materia. Desde a CHMS recomendan limitar consumos non esenciais como a limpeza de rúas con auga potable, o rego de xardíns ou instalacións deportivas e o funcionamento de fontes ornamentais.

Quiroga lembrou que o organismo de conca xa trasladou aos concellos a comezos de xullo a necesidade de adoptar medidas preventivas e avanzou que esta comunicación será reiterada nos próximos días. Ademais, durante a segunda metade do mes púxose en marcha unha campaña de sensibilización a través de medios de comunicación, redes sociais, mobiliario urbano e autobuses para fomentar un uso responsable do recurso.

A pesar da situación actual, a CHMS subliña que o ano hidrolóxico presenta unha precipitación acumulada de 1.144,6 litros por metro cadrado desde o 1 de outubro de 2025, un 9,9 % superior á media histórica. Con todo, as choivas concentráronse principalmente entre novembro e febreiro, mentres que marzo, abril, xuño e xullo foron meses especialmente secos.

O presidente da Confederación insistiu en que a situación non é alarmante, pero si require seguimento e prevención. Neste sentido, apelou á colaboración dos concellos e da cidadanía para promover un consumo racional da auga e minimizar os efectos dunha posible seca nos próximos meses.

0.13768315315247