A CHMS continúa cos traballos de repoboación de especies autóctonas nos ríos Miño, Limia e Faramontaos

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Retorno Demográfico, continúa cos traballos de conservación e mellora dos ríos da demarcación.
Esta semana continúan os traballos de repoboación de especies autóctonas en varios cauces nos que se detectou ausencia de vexetación arbórea. Estas plantacións mellorarán a estabilización das marxes e evitarán a colonización de especies alóctonas nos ríos Miño, Limia e Faramontaos, ao seu paso polos concellos de Ourense, Rairiz de Veiga e Xinzo de Limia, respectivamente.
“Esta falta de vexetación xera unha descontinuidade no corredor ecolóxico, aumentando o risco de desprendemento das ladeiras de ribeira e/ou a colonización por especies alóctonas, diminuíndo a resiliencia e o efecto amortiguador da vexetación de ribeira fronte ás avenidas en momentos de grandes crecidas do cauce”, explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.
Actuacións en execución:
- Estaquillado con Salix sp. e Alnus sp. recollido in situ augas arriba e/ou abaixo dos tramos propostos, que permita recuperar progresivamente a vexetación de ribeira. Estímase que se implanten 800 estaquillas.
- Plantación manual de frondosas autóctonas no Miño e no Faramontaos; 690 exemplares de Fraxinus angustifolia, Betula celtibérica e Acer pseudoplatanus.
- O tramo localizado no río Limia repoblarase con Fraxinus angustifolia, Betula celtibérica, Corylus avellana, Crataegus monogyna e Frangula alnus; excluíndose a parte incluída dentro do ZEC Veiga de Ponteliñares.
“As actuacións propostas favorecen a recuperación e funcionamento dos ecosistemas de ribeira asociados aos tramos definidos, aumentando a súa resiliencia fronte ao cambio climático”, concluíu Quiroga. Traballos que supoñen unha inversión estimada de 45.800 euros, e que están enmarcadas no encargo para o Servizo de Conservación e mellora dos cauces da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil en Galicia, cofinanciadas polos Fondos FEDER no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2021-2027.