A CHMS inicia en Xunqueira de Ambía unha actuación de mellora do río do Pozo Grande cun investimento de 123.000 euros

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) puxo en marcha esta semana os traballos de conservación e mellora do río do Pozo Grande ao seu paso polo municipio de Xunqueira de Ambía. A intervención, que contará cun investimento estimado de 123.000 euros, desenvolverase durante un período aproximado de tres meses.
Segundo explicou o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, as actuacións abranguerán máis de cinco quilómetros deste afluente do río Limia co obxectivo de incrementar a súa capacidade hidráulica e reducir o risco de inundacións nos episodios de maior caudal.
Os traballos están orientados á conservación e restauración da hidromorfoloxía natural do cauce para mellorar a súa adaptación aos efectos do cambio climático. Entre as actuacións previstas inclúese a retirada de árbores, troncos e pólas caídas que dificultan o paso da auga e provocan taponamentos, así como a corta, troceado, amoreamento e retirada de exemplares secos, tanto caídos como en pé, presentes nos treitos afectados.
Ademais, levaranse a cabo actuacións de restauración hidrolóxico-forestal destinadas ao control da erosión e á protección das marxes en puntos concretos do río mediante técnicas non invasivas e respectuosas co medio ambiente.
A CHMS tamén informou de que a utilización de maquinaria limitarase ás zonas situadas fóra do cauce e que, no caso da corta de ameneiros, aplicaranse as medidas profilácticas necesarias para evitar a propagación da enfermidade Phytophthora alni.
José Antonio Quiroga destacou que estas actuacións contribuirán á recuperación do bosque autóctono de ribeira e á restauración da morfoloxía natural do río, alterada en moitos puntos pola presenza de barreiras artificiais.
O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que achega o 60 % do investimento a través do Programa Operativo 2021-2027. As actuacións enmárcanse no Obxectivo Específico 2.4, orientado a favorecer a adaptación ao cambio climático, a prevención de riscos naturais e o incremento da resiliencia mediante actuacións baseadas nos ecosistemas.