A CIG denuncia o "colapso" no Xulgado de Celanova

OurenseXa
Dende o sindicado denuncian a escasez de persoal e piden que se reforce o funcionariado
xulgados-celanova
Xulgado de Celanova, imaxe de Google Maps
13 sep 2024

A CIG denuncia a situación  de “colapso” que está a vivir o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Celanova.  Dende o sindicato explican que este é o único xulgado da comarca que cubre materias como Civil e Penal, levando tamén as cuestión de Violencia sobre a Muller.

“Este Xulgado está cuberto a día de hoxe por dous funcionarios do Corpo de Xestión Procesual, dous do corpo de Tramitación Procesual , e tan so un do corpo de Auxilio Xudicial encargado das tarefas propias do seu traballo, tales como asistir a sala un ou dous dias por semana, citacións e notificacións”, explican. Ademais, lembran que o Rexistro Civil atópase tamén colapsado dado que, tan só en materia de Memoria Histórica, ten pendente un total de 610 asuntos.

Dende o sindicato lembran que na anterior inspección levada a cabo neste xulgado no ano 2022, e baseándose no informe final desta, alegaban “que efectivamente necesitaban un reforzo” pola carga que traballo que arrastraban segundo o informe final. Por  iso, baseándose na Lei de Prevención de Riscos laborais, esixen “de maneira urxente” dous reforzos, un do corpo de Auxilio Procesual e outro de Tramitación Procesual, “sen prexuízo de que debería incrementarse de xeito definitivo o cadro de persoal actual para que quede configurado con dous xestores, catro tramitadores e dous auxilios, dado que este é o cadro de persoal tipo dos xulgados mixtos da provincia que teñen encomendados, ademais dos asuntos civís e penais, violencia de xénero e os expedientes de rexistro civil”.

0.18835711479187