A comunidade ecuatoriana de Ourense celebrará o 16 de xuño o Inti Raymi no Campo da Feira

OurenseXa
A festa, con entrada libre desde as 19.00 horas, incluirá gastronomía típica, música en directo e baile popular
presentacion-festa-ecuatoriana-ourense
10 Jun 2026

O Campo da Feira acollerá o vindeiro martes 16 de xuño unha festa de confraternidade organizada pola comunidade ecuatoriana residente en Ourense, coa colaboración do Concello. A celebración terá lugar con motivo do Inti Raymi ou Festa do Sol, unha das tradicións máis importantes de Ecuador, vinculada á chegada do solsticio de inverno no país andino.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu no Concello a Alfonso Ramos e Joaquín Montes, impulsores da iniciativa.

Segundo explicou Alfonso Ramos, ecuatoriano residente na cidade desde hai máis de 25 anos, trátase dunha primeira edición que nace como un evento de formato reducido co obxectivo de reunir ás familias ecuatorianas asentadas en Ourense —unhas 20 familias, que suman arredor de 80 persoas—, así como a persoas chegadas doutras localidades próximas. A intención é que a celebración medre nos vindeiros anos e poida consolidarse no calendario festivo da cidade como punto de encontro da comunidade ecuatoriana.

A festa comezará ás 19.00 horas, con entrada libre e aberta á veciñanza de Ourense que desexe participar e coñecer esta tradición. O programa inclúe degustación de comida típica de Ecuador e actuacións de música tradicional en directo, con instrumentos como guitarras, frautas e rondíns, ademais dun baile popular.

0.127769947052