A Coral de Ruada, Premio Otero Pedrayo 2024

OurenseXa
O galardón recoñece a persoas ou entidades con notable aportación á Cultura Galega
Xurado dos premios Otero Pedrayo 2024
Xurado dos premios Otero Pedrayo 2024
15 Out 2024

O Premio Otero Pedrayo é un premio honorífico que conceden dende 1977 as deputacións provinciais de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia. O premio é de carácter rotatorio e nesta edición correspondeulle a súa organización á Deputación de Ourense. O xurado, reunido este luns no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acordou outorgarlle este galardón á Coral de Ruada, valorando o xurado que “non se trata só dunha agrupación folclórica senón que é unha institución galeguista e auspiciada pola Xeración Nós, que tivo e ten un papel moi destacado na defensa e difusión da nosa cultura e da nosa lingua”.

Os membros do xurado elixiron esta agrupación pola súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música.

O premio está dotado con 16.000 euros e recoñece a contribución que fan persoas ou entidades á cultura galega, como é o exemplo desta agrupación musical. O xurado, composto por representantes do Goberno galego, das catro deputacións, das universidades galegas, da Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, destacou o percorrido da Coral Ruada e o seu traballo na promoción da música tradicional, con múltiples discos gravados, publicacións escritas ou diferentes actividades arredor da cultura.

O Premio Otero Pedrayo naceu en 1977 co obxectivo de perpetuar e honrar a memoria do ilustre galeguista, recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

A Coral de Ruada

A Coral de Ruada foi fundada no ano 1918 polos ourensáns Fabriciano Iglesias, Xabier Prado “Lameiro”, Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández e Cesáreo Eire. Presentouse no Salón Apolo de Ourense o día 24 de xuño de 1919 e en Madrid en 1920.

Na súa traxectoria, a Coral de Ruada recibiu numerosos galardóns, premios e distincións, destacando entre eles a gravata para a bandeira doada por S.M. D. Alfonso XIII; a Placa de Ouro do Centro Galego de Buenos Aires (1931); Bandeira do Concello de Ourense (1954); Medalla de Ouro da Provincia de Ourense (1984); Pedrón de Ouro (1990); Medalla de Galicia, na categoría de Bronce (1992); Medalla de Ouro do Liceo Recreo Ourensán (1994); Medalla de Ouro da Cidade de Ourense (1994); premio “Manuel Lorenzo”, na súa primeira edición, do Real Coro “Toxos e Froles” de Ou Ferrol (2002). Medalla de Ouro “Gaiteiro de Soutelo” (2007); Premio IAR (2008); Medalla de Ouro “Marcial do Adalid” da Real Academia de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario” (2009); Medalla Castelao (2013); Premio “Orgullo Gaiteiro” (2015); Premio Trasalba, da Fundación Otero Pedrayo (2018); Premio Adolfo Enríquez (2019); Premio Rebulir (2019).

Difusión da polifonía galega e universal

Na actualidade centra o seu labor na difusión dos temas folclóricos galegos e a polifonía galega e universal nas Sociedades Culturais de Galicia, España e o estranxeiro.

Ademais do coro, Coral de Ruada dispón dunha Escola de Música Tradicional “Virxilio Fernández” o grupo de Teatro “Xabier Prado -Lameiro-” e a escola de baile "Coral de Ruada".

A formación participa tamén en numerosos actos institucionais, colaborando co Concello, Deputación, Catedral de Ourense e Xunta de Galicia. Por outra banda, de Ruada organiza todos os anos o “Premio Xabier Prado -Lameiro-”, as xornadas “LembradeNÓS”, o “Certame De Ruada”, o “Concerto dous Amigos” no Teatro Principal e o “Concerto de Nadal” na Catedral de Ourense.

A súa actuación mais recente foi en México na cidade de Pueble, facendo varias actuacións e levando o nome de Ourense e Galicia a terras mexicanas. Estivo actuando no Museo Internacional Barroco, no Templo de San Francisco, no Parque España de Puebla, na Igrexa de Santa Clara de Asis e na Catedral.

Desde o ano 2022 preside a Xunta de Goberno da Coral Fátima María Malingre Grande. A formación está composta, actualmente, por 42 voces mixtas, 10 instrumentistas (gaita, percusión, zanfona, piano e órgano) e 16 bailaríns, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas.

Membros do xurado

O xurado do premio -que conceden as catro deputacións galegas co apoio da Xunta de Galicia- estivo formado polo presidente: Anxo M. Lorenzo Suárez (director xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude), en representación do presidente da Xunta de Galicia. Exerceu de vicepresidente Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense. Como vogais estiveron, por parte da Deputación da Coruña, Natividad De Jesús González Rodríguez (deputada de Cultura) e Manuel Pena Villar (persoa de recoñecida autoridade científica e literaria); por parte da Deputación de Lugo, participaron Iria Castro Fernández (deputada delegada da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística) e Antonio Reigosa Carreiras (persoa de recoñecida autoridade científica e literaria). Por parte da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández Gil (vicepresidente 2º da Deputación Provincial de Ourense e deputado delegado da Área de Cultura, Educación e Deporte) e Jesús De Juana López (persoa de recoñecida autoridade científica e literaria). Por parte da Deputación de Pontevedra, estiveron presentes María del Carmen Baloira Duro (xefa da Sección de Xestión Cultural) e Antonio Santos Guerra (xefe do Servizo de Cultura). Por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia: Valentín García Gómez (secretario xeral da Lingua, en representación do conselleiro) e Luis Eugenio González Tosar (persoa de recoñecida autoridade científica e literaria). Do ámbito académico, pola Universidade de Santiago de Compostela: Pablo Sampedro Magán (director da Área de Cultura e coordinador da Universidade de Verán); pola Universidade de A Coruña: Manuel Ferreiro Fernández (profesor catedrático na Facultade de Filoloxía); pola Real Academia Galega: Celia Pereira Porto (académica); polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento: Pablo Santiago Otero Piñeyro Maseda (director); pola Fundación Otero Pedrayo: José Eduardo López Pereira (presidente). Por último, exerceu de secretario Juan Marquina Fuentes (secretario xeral da Deputación Provincial de Ourense).

0.18562889099121