A coruñesa Bea Lema e o badalonés Isaac Sánchez gañan o III Premio de Cómic Tinta de Lura

GaliciaXa | OurenseXa
O xurado, formado por alumnado de centros de Pontevedra e Ourense, escolleu as obras premiadas tras un curso de lectura e análise crítica dos títulos seleccionados
premios-tinta-de-lura
26 Jun 2026

Tras un curso dedicado á lectura e á crítica dos libros seleccionados, o xurado do III Premio de Cómic Tinta de Lura, composto por alumnado de cinco centros das provincias de Pontevedra e Ourense, escolleu como gañadoras desta edición as obras O corpo de Cristo, da coruñesa Bea Lema, e Buena gente, do badalonés Isaac Sánchez.

De O corpo de Cristo, o xurado destacou a súa capacidade para “retratar temas como o sacrificio, a resiliencia, o amor filial ou a fraxilidade humana, así como o uso das técnicas artesanais para retratar episodios de gran dureza emocional”.

Pola súa banda, Buena gente foi o cómic máis votado “por facernos reflexionar sobre a existencia ou non da bondade na humanidade e por manter a intriga ata a última páxina”.

Entre os finalistas en castelán figuraban títulos como Carcoma, de Andrés Garrido, e El otro mundo, de Enrique Bonet e Joaquín López Cruces. En lingua galega, o alumnado valorou A miña outra vida, de Miguel Rojo, e Rosalía oculta, de Paula Mayor.

A cerimonia de entrega dos premios terá lugar no mes de setembro, ao inicio do curso escolar, co obxectivo de realizar unha convivencia entre o alumnado e os autores premiados, así como seleccionar os cómics que formarán parte da programación do curso 2026-27.

0.14516496658325