A crecente situación de inseguridade no barrio da Ponte chegará ao pleno do Concello de Ourense
A crecente situación de inseguridade no barrio ourensán da Ponte chegará ao pleno do Concello de Ourense previsto para este venres, 6 de setembro, da man do Grupo Municipal Socialista que, precisamente, esta fin de semana sufriu un roubo na súa sede da rúa Ribeira de Canedo, no barrio pontino. Os ladróns leváronse material informático e varias bebidas, segundo informan desde o partido.
Apenas uns días antes de que se producira este incidente, os socialistas denunciaban a crecente situación de inseguridade neste barrio, logo dun encontro con representantes das diferentes asociacións veciñais dos barrios de A Ponte, O Pino e O Vinteún.
Desde o PSdeG sinalan que se ben, atendendo as cifras en comparación co resto de cidades do Estado, Ourense non é unha cidade insegura, a veciñanza dalgunhas zonas concretas si está a percibir un aumento de incidencias no que respecta á seguridade. “Entendemos que este ten que ser un dos asuntos principais que se aborden na próxima Xunta Local de Seguridade que se convoque en setembro”, expuxo durante o encontro.
“Imos trasladar un documento no que se recollan as inquedanzas e problemáticas que padecen as e os ourensáns, aparte dos escritos que xa puideran presentar as asociacións veciñais a título individual, neste senso e que se debatan posibles solucións”, afirmou engadindo que axudarán a canalizar as queixas e suxerencias de cara á Subdelegación do Goberno e ao Concello.
“A chegada da Alta Velocidade e o repunte turístico vencellado á mesma converteron a Estación Empalme nun lugar de moito tránsito e tamén de maior actividade delictiva a pequena escala. Anteriormente ao traslado da nova estación de buses a esta rúa tamén supuxo que fora empregada como refuxio e punto de encontro para o trapicheo e para persoas sen teito”, lembrou a socialista.
Neste senso, explicou que dende o grupo municipal esixirán ao Concello de Ourense que de xeito colateral se tomen medidas para “sacar do abandono estes barrios, con accións necesarias en materia de limpeza, desbroce, melloras de iluminación e outros servizos”. “Son pequenas accións que favorecerían unha maior seguridade e tranquilidade para o dia a dia da veciñanza”, engadiu.
Entenden as e os socialistas que se trata dun problema multifactorial que debe ser atendido polas diferentes Administracións públicas e que require, de ser posible, dunha maior comunicación entre os diferentes efectivos de seguridade que traballan na cidade.