A Deputación analiza coa Xunta o avance dos proxectos de solo industrial na provincia de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo este martes unha reunión de traballo coa conselleira de Economía e Industria da Xunta, María Jesús Lorenzana, para avaliar o estado das principais actuacións estratéxicas en materia de solo empresarial na provincia. No encontro, celebrado en San Caetano, tamén participou a vicepresidenta primeira da institución provincial, Marta Nóvoa.
Durante a reunión repasáronse os proxectos impulsados pola Xunta para reforzar a capacidade industrial de Ourense e favorecer tanto a chegada de novas empresas como o crecemento das xa implantadas no territorio.
Ao remate do encontro, Luis Menor destacou o avance das actuacións previstas e asegurou que “puidemos comprobar que o Goberno galego está a cumprir cos compromisos adquiridos para facilitar o desenvolvemento económico de Ourense”.
O presidente provincial lembrou ademais que a ampliación do solo industrial foi marcada como unha prioridade desde o inicio do mandato, ao considerar que “o que é sinónimo de futuro para Ourense”. Nesa liña, reivindicou tamén “o talento e capacidade dos empresariado e dos emprendedores ourensáns para facer medrar o carácter industrial da provincia”.
Entre os proxectos abordados figura a ampliación do polígono empresarial de Xinzo de Limia, cuxas obras xa remataron e están pendentes da recepción municipal. A actuación permitirá aumentar nun 40 % a superficie industrial dispoñible, ata alcanzar os 414.000 metros cadrados.
Tamén se analizou a situación doutros parques empresariais considerados estratéxicos para a provincia, como o de San Cibrao das Viñas, onde as obras de urbanización foron adxudicadas este mesmo martes. Ademais, repasáronse os avances na ampliación do polígono do Pereiro de Aguiar, para o que xa se licitou o contrato de expropiación dos terreos, así como a evolución das actuacións previstas no Carballiño-Maside e en Paderne de Allariz.
Luis Menor incidiu na necesidade de continuar impulsando infraestruturas empresariais modernas e competitivas co obxectivo de xerar emprego e novas oportunidades económicas, ao tempo que se favorece a fixación de poboación e o equilibrio territorial.
Na actualidade, a provincia de Ourense suma máis de 2,7 millóns de metros cadrados de solo industrial en diferentes fases de tramitación, urbanización ou execución, cun investimento global que supera os 126 millóns de euros.