A Deputación aproba as bases dunha nova convocatoria do Plan Provincial de Vivenda dotada con 1,2 millóns de euros

OurenseXa
En total, a institución provincial mobilizou este luns 1,77 millóns de euros en diferentes liñas de apoio aos concellos e ao tecido social da provincia
luis-menor-plan-provincial-de-vivenda
27 Apr 2026

A Deputación de Ourense vén de activar un paquete de medidas que suma 1,77 millóns de euros tras a última Xunta de Goberno, cun protagonismo especial para o impulso do Plan Provincial de Vivenda e diferentes liñas de apoio aos concellos e ao tecido social da provincia.

A institución aprobou as bases dunha nova convocatoria do Plan Provincial de Vivenda, dotada con 1,2 millóns de euros, máis do dobre que na edición anterior. Trátase dun programa dirixido a municipios de menos de 20.000 habitantes que permitirá financiar a compra, rehabilitación e mellora de vivendas destinadas ao alugueiro, co obxectivo de ampliar a oferta residencial no rural e favorecer a fixación de poboación. Esta nova liña dá continuidade á convocatoria previa, resolta en marzo, que mobilizou 500.000 euros en 14 concellos.

No ámbito das infraestruturas locais, aprobáronse actuacións de cooperación municipal por valor de 310.000 euros, con intervencións en concellos como Larouco, Laza, Pereiro de Aguiar, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo, Vilamarín e Vilar de Santos, destinadas a melloras urbanas, eficiencia enerxética, espazos públicos ou equipamentos.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde a modificacións do plan provincial de cooperación solicitadas por varios municipios para adaptar proxectos ás súas necesidades reais.

No eido da modernización, destínanse 100.000 euros á elaboración de cartografía dixital de rueiros en concellos pequenos, unha ferramenta orientada a mellorar a localización de vivendas, a organización territorial e a resposta en emerxencias.

En materia social, o apoio ao movemento veciñal reforzase cunha nova convocatoria de 100.000 euros para asociacións, que poderán investir en locais, equipamento e melloras de infraestruturas comunitarias.

O apartado cultural complétase cunha liña de 60.000 euros para festivais e actividades, que poderá cubrir ata o 70% dos proxectos e un máximo de 20.000 euros por iniciativa.

O presidente provincial destacou que “esta Xunta de Goberno combina unha visión estratéxica, con políticas estruturais como o Plan de Vivenda, cunha acción directa sobre o territorio a través da cooperación municipal e o apoio ao tecido social”.

Engadiu tamén que “Seguimos traballando para construír unha provincia con máis oportunidades, máis equilibrio territorial e máis futuro”, e subliñou que “Sen vivenda non hai fixación de poboación, e por iso este plan é unha prioridade absoluta para a Deputación”.

0.13784503936768