A Deputación aprobou un Plan Provincial de cooperación onde destinou máis de 663. 000 euros

OurenseXa
Mobilizáronse 325.486 euros para cooperar con seis concellos e dúas entidades da provincia en materia de medio ambiente, infraestruturas, deporte e cultura
aprobación do plan provincial de cooperación na deputacion ourense
Reunión da Xunta de Goberno da Deputación
16 Xul 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a repartición de máis de 663.000 euros en axudas sociais e deporte e para cooperación cos concellos.

Por unha banda deuse o visto bo á resolución de tres concursos para a concesión de axudas en materia deportiva e de servizos sociais que ascenden a un total de 338.038 euros. A primeira destas resolucións refírese á concesión de axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais durante a tempada deportiva 2022-2023, pola que a Deputación habilita un orzamento total de 38.500 euros en 45 axudas que van desde os 1.500 aos 500 euros por deportista.

A segunda resolución refírese á convocatoria de axudas para proxectos de entidades sen ánimo de lucro para atención a persoas con enfermidades crónicas e persoas con discapacidade para o ano 2024. A través desta convocatoria, a Deputación destina 199.548 euros para cooperar con 22 entidades en diversos proxectos sociais.

A última destas resolucións aprobadas atinxe á convocatoria de axudas para proxectos de entidades sen ánimo de lucro para atención integral a mulleres en situación de vulnerabilidade para o ano 2024, pola que se destina 99.990 euros en axudas a catorce entidades.

Cooperación con concellos e entidades para medio ambiente, infraestruturas, deporte e cultura

No apartado de cooperación, na reunión mobilizáronse 325.486 euros para cooperar con distintos municipios e entidades da provincia en materia de medio ambiente, infraestruturas, deporte e cultura.

O concello de San Cibrao das Viñas recibirá dúas axudas: unha de 48.000 euros para a mellora de acceso ao núcleo de Muíño de Camba e outra de 22.000 euros para a mellora de viarios do Polígono de San Cibrao, a pista dos Amedos e a pista de Outeiro Calvo.

Pola súa parte, o concello de Toén recibirá unha axuda de 60.000 euros para a mellora do pavimento o núcleo de Mugares.

No que atinxe á cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 19.997 euros para a Asociación Cultural 1809 A Batalla no Concello de Boborás. Por último, aprobouse unha axuda de 10.000 euros a favor do Club Código Bike Team para a proba de BTT Sacra Experience 2024.

Uso de espazos do Pazo dos Deportes Paco Paz

Outro dos asuntos tratados hoxe foi as bases reguladoras para a repartición de uso de espazos deportivos do Pazo dos Deportes “Paco Paz” durante a tempada 24/25.

Os espazos deportivos ofertados para tal fin do Pazo dos Deportes son: o pavillón auxiliar, o pavillón principal, tras rede en ambos fondos do pavillón principal e as salas de uso polivalente e corredoiros.

Deste modo, as entidades deportivas e as Sociedades Anónimas Deportivas con sede social na provincia de Ourense poden solicitar o uso do espazo para toda a tempada deportiva; as entidades deportivas, federacións deportivas, centros escolares ou sociedades anónimas deportivas poden solicitar o uso puntual do Pazo directamente coas oficinas administrativas do Pazo dos Deportes ou o uso do mesmo durante a fin de semana para o deporte de competición federado.

As entidades deportivas interesadas en facer uso destes espazos teñen de prazo para presentar as solicitudes desde o día seguinte da publicación desta convocatoria no BOP ata o 5 de setembro de 2024.

Así mesmo, na xuntanza tamén se aprobou a fixación e a concesión de bonificacións a entidades polo uso das instalacións deportivas do Pazo dos Deportes “Paco Paz” durante a tempada 2023-2024.

 

0.20048594474792