A Deputación concede 3.250 euros a ALCER Ourense para continuar o seu programa de apoio ás persoas con enfermidade renal crónica

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense (ALCER Ourense) recibiu unha subvención de 3.250 euros da Deputación Provincial de Ourense para continuar co desenvolvemento do seu labor social durante o ano 2026.
A entidade forma parte das beneficiarias da convocatoria de axudas da institución provincial destinadas a entidades sociais sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de carácter social. A resolución definitiva destas subvencións foi publicada o pasado venres 3 de xullo no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
A achega económica permitirá dar continuidade ao programa ALCER Contigo (Programa de Orientación e Apoio Social na Enfermidade Renal Crónica), contribuíndo a cubrir parte dos gastos necesarios para a súa execución e facilitar o mantemento dos servizos que presta a asociación ao longo do ano.
Este programa inclúe diferentes actuacións dirixidas ás persoas con enfermidade renal crónica e ás súas familias, entre elas o envío diario de información ás persoas socias, chamadas de apoio, o grupo de apoio “Da túa man”, visitas aos centros de diálise, difusión de contidos a través das redes sociais e campañas de sensibilización e charlas informativas sobre a enfermidade renal crónica e a doazón de órganos.
Desde ALCER Ourense destacan a importancia do apoio das administracións públicas, xa que este tipo de subvencións permiten manter o persoal contratado e continuar ofrecendo servizos de información, orientación e acompañamento ás persoas con enfermidade renal crónica e ás súas familias.
ALCER Ourense é unha entidade sanitaria e social sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, que desenvolve a súa actividade na provincia desde 1982. A asociación traballa para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por enfermidade renal crónica e do seu contorno familiar, proporcionando apoio, información e orientación, ademais de promover accións de prevención da enfermidade renal e a doazón de órganos.