A Deputación de Ourense apoia unhas xornadas sobre a humanización dos coidados cirúrxicos

Ourense acolleu este martes a inauguración das ‘I Xornadas de Humanización do Proceso Perioperatorio’, un encontro organizado por profesionais de Enfermaría da área cirúrxica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e celebrado no Auditorio Municipal da cidade.
O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen subliñou que a calidade da atención sanitaria non depende unicamente dos resultados clínicos, senón tamén do trato que reciben os pacientes. Nas súas palabras, «a excelencia sanitaria non se mide só pola capacidade de curar, senón tamén pola maneira de coidar».
O responsable provincial defendeu que os pacientes deben recibir unha atención próxima e respectuosa coa súa dignidade, e recoñeceu expresamente o labor dos profesionais de Enfermaría, aos que definiu como un exemplo de vocación de servizo, coñecemento científico e compromiso co benestar das persoas.
Durante a súa intervención, Menor tamén trasladou o seu recoñecemento aos organizadores das xornadas por impulsar desde Ourense unha iniciativa xurdida da investigación sanitaria, cuxo obxectivo é mellorar a experiencia dos pacientes nas distintas fases dunha intervención cirúrxica: antes, durante e despois desta.
O presidente da institución provincial relacionou ademais este enfoque humanizador coas políticas que a Deputación desenvolve en materia de benestar, lonxevidade e calidade de vida, nunha provincia que, segundo lembrou, se caracteriza polo envellecemento da súa poboación e a dispersión territorial.
Para pechar a súa intervención, Menor quixo poñer o acento na diferenza de percepción entre quen traballa a diario nun quirófano e quen se enfronta a unha intervención como paciente. “Para un profesional sanitario, entrar nun quirófano pode formar parte da súa rutina. Para un paciente, pode ser un dos momentos máis importantes e difíciles da súa vida. Humanizar é non esquecer nunca esa diferenza”, concluíu.