A Deputación de Ourense aproba 760.000 euros en axudas para concellos e entidades da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense deu luz verde á concesión de 760.000 euros en axudas destinadas á cooperación con entidades locais e ao apoio de asociacións e colectivos da provincia. O acordo inclúe subvencións para entidades vinculadas ao tecido empresarial, o turismo, a cultura, o deporte e o ámbito social, así como novas actuacións relacionadas cos Plans de Actuación Integrados (PAI) de Valdeorras e Ourense Sur.
Do importe total aprobado, 654.000 euros repartiranse entre 26 asociacións e clubs para sufragar gastos de funcionamento e o desenvolvemento das súas actividades. O presidente provincial, Luis Menor, destacou que estas achegas supoñen “unha valiosa colaboración que mantén con vida o tecido asociativo ourensán”.
Na súa comparecencia tras a Xunta de Goberno, Menor subliñou que a institución provincial pretende favorecer o desenvolvemento de todos os territorios da provincia. “Entendemos que cada recuncho da provincia é merecente das mesmas oportunidades de benestar, dinamismo e cultura”, afirmou.
O presidente engadiu que as subvencións concedidas van máis alá dun trámite administrativo, ao considerar que as asociacións desenvolven un labor fundamental en ámbitos onde as administracións non sempre poden chegar de maneira directa. Por iso, definiu estas achegas como “un exercicio de corresponsabilidade” que contribúe a dotar de estabilidade ao tecido asociativo.
Entre as subvencións aprobadas figuran 80.000 euros para a Universidade de Vigo destinados á promoción da formación en turismo; 60.000 euros para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; 45.000 euros para o Consello Regulador Ribeira Sacra; 10.000 euros para a Ruta do Viño Ribeira Sacra e 25.000 euros para o Consello Regulador do Pan de Cea, destinados tanto á Festa de Exaltación como a accións de promoción.
No ámbito económico tamén se concederon 33.000 euros á Federación de Comercio de Ourense, 20.000 euros á entidade Artesáns de Ourense, 12.000 euros á Asociación Provincial de Graniteiros para a feira Stongal 2026, 6.000 euros ao Colexio de Economistas e 5.000 euros á Asociación da Castaña.
As axudas alcanzan igualmente entidades sociais e culturais, entre elas 15.000 euros para a Asociación de Discapacitados de Ourense (ADO), 20.000 euros para a área social do COB, 50.000 euros para a Diocese de Astorga destinados a actuacións no santuario das Ermidas, 15.000 euros para a Asociación Cultural Silfest, 10.000 euros para A Maquinadora, 7.000 euros para o Foro Ágora Termal e 2.000 euros para Bolboretas Gestión Cultural.
No apartado deportivo, a Deputación aprobou unha subvención de 133.000 euros para EZE Mosquera Events, organizadora da proba ciclista O Gran Camiño. Ademais, concedéronse 25.000 euros ao Estrela Futsal, 23.000 euros ao Club Ourense Atletismo, 18.000 euros ao Real Montealegre Club de Golf, 12.000 euros ás escuderías Piñor e Ramirás, 8.000 euros á Escudería Barbadás Club Deportivo, 5.000 euros á Asociación Afiador e 3.000 euros ao Club Nipón.
En materia de cooperación con entidades locais, aprobáronse 106.000 euros en subvencións. A Mancomunidade Santa Águeda recibirá 50.000 euros para gastos de funcionamento, a mesma contía que a Mancomunidade da Comarca do Carballiño. Pola súa banda, o Concello de Nogueira de Ramuín contará cunha achega de 6.000 euros para construír un muro de contención na localidade da Seara.
Durante a sesión tamén se acordou a contratación de dúas asistencias técnicas para impulsar a execución dos Plans de Actuación Integrados de Valdeorras e Ourense Sur. Segundo explicou a institución provincial, trátase de proxectos de elevada complexidade administrativa que requiren equipos especializados na xestión de iniciativas financiadas con fondos europeos.
A Deputación lembrou que ambos os dous plans mobilizarán un investimento superior aos 14,5 millóns de euros, cun importe de máis de 7,2 millóns para cada un deles, dos que máis de 4,3 millóns proceden dos fondos FEDER. Ademais, a institución provincial reafirma o compromiso de incrementar ata os 10 millóns de euros o investimento en cada programa, igualando así as contías inicialmente previstas nas súas candidaturas.