A Deputación de Ourense aproba a integración dos GES no Consorcio de Bombeiros

O pleno da Deputación de Ourense aprobou este mércores parte das propostas presentadas polo Grupo Provincial Socialista en materia de emerxencias e saúde laboral, entre elas a integración dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) no Consorcio Provincial de Bombeiros e o recoñecemento da silicose como grave problema de saúde pública na provincia.
A sesión deixou fóra, porén, os puntos centrais de ambas iniciativas, que non contaron co apoio do Grupo Popular. En total, saíron adiante 9 dos 11 puntos incluídos nas dúas mocións, mentres que o PP rexeitou as propostas que implicaban cambios estruturais no sistema de emerxencias e no ámbito sanitario.
No relativo ás emerxencias, o Grupo Socialista reclamaba a creación dun Plan Integral con mando único para a coordinación de todos os servizos provinciais, unha medida que non foi aprobada. Durante a súa intervención, a deputada socialista Eva Pérez Gamote defendeu a necesidade de “directrices claras e un mando único que coordine a todos os axentes que participan na extinción dos lumes”.
O resto de medidas si obtiveron respaldo, incluíndo a cobertura de vacantes no Consorcio de Bombeiros, a revisión do convenio colectivo, a colaboración cos concellos, a integración dos GES e a incorporación das agrupacións de Protección Civil ao sistema provincial.
En materia sanitaria, o pleno abordou tamén a situación das persoas afectadas pola silicose, especialmente na comarca de Valdeorras. O presidente da asociación de afectados Asilival, José Rodríguez, participou no debate no que se solicitaba a creación dunha praza estable de pneumoloxía no hospital comarcal, proposta que foi novamente rexeitada polo PP.
Si se aprobaron outros puntos como o recoñecemento da silicose como problema de saúde pública e a realización dun estudo epidemiolóxico sobre a súa incidencia, así como a apertura dun proceso de diálogo coa asociación de afectados.
Segundo expuxeron os socialistas no pleno, o colectivo de persoas afectadas continúa mobilizándose cada semana e reclama unha resposta sanitaria estable. A moción tamén recolle que a provincia rexistrou 61 novos casos de silicose en 2024.
O debate estivo marcado pola diferenza de criterio entre os grupos sobre o alcance das medidas, xa que mentres unha parte da corporación apoiou accións concretas de mellora, outras foron descartadas ao considerar o grupo de goberno que non debían asumirse determinados compromisos estruturais desde a Deputación.