A Deputación de Ourense aproba máis de 363.000 euros en axudas para infraestruturas en 13 concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na súa reunión semanal a concesión de máis de 363.000 euros en axudas destinadas á cooperación cos concellos para actuacións en materia de infraestruturas. En total, estas achegas beneficiarán a trece municipios da provincia con diferentes proxectos de mellora en espazos públicos e redes viarias.
Entre as actuacións aprobadas figura a do Concello de Boborás, que recibirá 18.000 euros para a mellora e canalización do viario de acceso ao Curro en Feás. Pola súa parte, Entrimo contará con 50.000 euros para mellorar o tránsito peonil entre A Barreira e Feira Vella, mentres que A Gudiña disporá de 34.000 euros para a pavimentación en varios núcleos do municipio.
Tamén se beneficiarán destas axudas outros concellos como Monterrei, con 25.000 euros para o arranxo dunha vía en Medeiros; Nogueira de Ramuín, que recibirá 7.000 euros para a construción dun muro de contención nunha parcela municipal; e Paderne de Allariz, con máis de 10.000 euros destinados á renovación da climatización da Casa do Concello.
Piñor contará con preto de 40.000 euros para a humanización da praza do Arenteiro, mentres que Punxín recibirá 30.000 euros para a mellora de camiños en Figueiroa. Riós terá máis de 39.000 euros para a reparación de pavimentación en rúas do núcleo de Cortegada.
Pola súa banda, Porqueira suma dúas achegas para o cofinanciamento de distintos plans municipais, San Amaro disporá de 40.000 euros para a reforma dun tramo viario entre varias localidades, Viana do Bolo recibirá 21.000 euros para obras no cemiterio e Xunqueira de Ambía contará con case 40.000 euros para bacheos en varias zonas do municipio.
A sesión da Xunta de Goberno tamén aprobou o expediente para a contratación dun servizo supramunicipal de recollida de residuos industriais non perigosos e especiais, así como unha modificación do Plan CooperOU no concello de Carballeda de Valdeorras.