A Deputación de Ourense avanza cara a un modelo de turismo intelixente e sostible

A Deputación de Ourense está a impulsar un proxecto de modernización turística co obxectivo de converter a provincia nun destino intelixente de referencia, apostando pola dixitalización, a innovación e a mellora da experiencia dos visitantes.
A iniciativa, denominada “Ourense Cerca de Ti”, desenvólvese en colaboración con Telefónica e persegue crear un modelo de xestión turística conectado, sostible e centrado no visitante. O sistema permitirá ofrecer información e servizos máis personalizados, adaptados ao perfil, comportamento e preferencias dos turistas, ao tempo que optimiza os recursos públicos e reforza a competitividade do destino.
Os avances do proxecto déronse a coñecer no congreso Digital Tourist 2026, celebrado en Benidorm e organizado pola patronal do sector dixital AMETIC, no que participou o director de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Marcos Valiño.
Durante a súa intervención, o responsable provincial presentou a estratexia turística da provincia e explicou como se pretende consolidar Ourense como destino intelixente mediante o uso de tecnoloxías avanzadas, en liña coas plataformas estatais de intelixencia turística. Tamén puxo como exemplos de desenvolvemento o enoturismo, o turismo termal, as visitas autónomas a museos ou o potencial do Camiño de Santiago.
Así mesmo, Valiño participou nunha mesa redonda centrada na intelixencia de mobilidade e no comportamento do visitante, onde abordou aspectos como a análise de fluxos turísticos, a capacidade de carga dos recursos, a distribución da demanda no territorio, os patróns de consumo ou a protección de datos.
O proxecto permitirá á Deputación contar con información en tempo real sobre indicadores clave como ocupación, estacionalidade, recorrencia ou gasto turístico, facilitando a toma de decisións e a planificación eficiente dos recursos.
Entre as solucións previstas inclúense sistemas intelixentes de planificación de rutas, ferramentas de control de aforos, sistemas de trazabilidade e mecanismos de alerta e seguridade para detectar posibles saturacións ou incidencias en tempo real.
Tamén se incorporarán tecnoloxías de realidade aumentada e virtual, así como contidos inmersivos en 360 graos, co obxectivo de mellorar a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico da provincia.
Con esta estratexia, Ourense busca avanzar cara a un modelo turístico plenamente dixital, capaz de desestacionalizar a demanda, incrementar o impacto económico do sector e posicionar a provincia como un destino innovador e competitivo.