A Deputación de Ourense creará un plan de apoio aos concellos para actuar ante edificios en ruína ou con risco de derrube

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou por unanimidade unha moción do Grupo Provincial Socialista para impulsar un plan específico de apoio aos concellos na xestión de edificacións en estado de ruína, abandono ou con risco de derrube.
O acordo incorpora o compromiso de incrementar ata 1,5 millóns de euros a dotación do Plan Provincial de Vivenda e de crear unha asistencia técnica especializada que axude aos municipios na investigación, identificación e regularización da situación destas construcións.
A iniciativa socialista foi votada por puntos e contou co apoio maioritario da corporación provincial. Nos puntos 2 e 3 dos acordos, o Partido Popular abstívose, aínda que estas propostas saíron adiante cos votos favorables do resto do pleno.
A deputada provincial socialista Eva Pérez Gamote explicou que a proposta responde a un problema que afecta cada vez a máis concellos da provincia, agravado polo abandono do rural, o envellecemento da poboación, a falta de relevo xeracional e o deterioro progresivo de numerosos inmobles.
Segundo sinalou, as intensas choivas do pasado inverno incrementaron os problemas en diferentes construcións, provocando desprendementos, colapsos de cubertas e a aparición ou ampliación de fendas.
Pérez Gamote destacou que “hoxe non vimos falar simplemente de urbanismo, aínda que o título da moción poida facer pensar que si. Hoxe vimos falar de seguridade pública, de salubridade, de responsabilidade institucional e, sobre todo, de municipalismo”.
A deputada socialista explicou que detrás destas situacións hai casos nos que a veciñanza alerta de muros con risco de caída, fachadas con desprendementos ou cubertas que poden afectar á seguridade das persoas. “Un veciño chama porque un muro está caendo, porque unha fachada presenta desprendementos, porque unha cuberta pode caer sobre unha rúa ou porque unha casa abandonada ameaza a vivenda do lado. E nese momento xa non importa de quen sexa a propiedade: o primeiro que importa é protexer as persoas. E esa responsabilidade recae sobre o Concello”, afirmou.
A proposta lembra que, segundo a Lei do Solo de Galicia, a conservación dos inmobles corresponde ás persoas propietarias. Porén, a situación complícase cando estas son descoñecidas, faleceron, existen herdanzas sen formalizar, comunidades hereditarias sen representante ou non poden ser localizadas tras os trámites establecidos.
Nestes casos, os concellos deben actuar mediante execución subsidiaria para garantir a seguridade das persoas e dos bens, pero desde o Grupo Provincial Socialista sinalan que moitos municipios non dispoñen dos recursos económicos, técnicos e administrativos necesarios para afrontar demolicións, actuacións urxentes ou a tramitación dos expedientes.
“E ese é precisamente o problema que esta moción pretende comezar a resolver: non cambiar as competencias, senón dotar aos concellos dos medios necesarios para exercelas con eficacia”, indicou Eva Pérez Gamote.
Neste sentido, defendeu o papel da Deputación como administración de apoio aos municipios. “Alguén dirá que isto é competencia municipal. Claro que o é. Igual que o abastecemento de auga ou a recollida do lixo. E precisamente por iso existen as deputacións: para prestar cooperación económica, técnica e xurídica aos municipios, especialmente aos de menor capacidade”, sinalou.