A Deputación de Ourense dedica o mes de maio ás mulleres escritoras dentro da campaña ‘8M, mes a mes’

OurenseXa
A homenaxe materialízase na figura da ourensá Inma Soto, escritora e educadora ambiental, coñecida pola creación do personaxe ‘Xela, a superheroína de aldea’
inma-soto-xela
Inma Soto
8 May 2025

A Área de Igualdade da Deputación de Ourense, que coordina a deputada Teresa Barge, continúa a desenvolver a campaña ‘8M, mes a mes’ e centra este mes de maio na figura das mulleres escritoras. A iniciativa coincide co Día das Letras Galegas e leva por lema “A tinta feminina da conciencia”, co que se pretende poñer en valor a contribución das autoras á cultura e á reflexión social a través da palabra.

A homenaxe materialízase na figura da ourensá Inma Soto, escritora e educadora ambiental, coñecida pola creación do personaxe ‘Xela, a superheroína de aldea’, unha rapaza enxeñosa e divertida que defende o rural e a lingua galega. Esta personaxe converteuse nun referente para as xeracións máis novas, transmitindo valores relacionados coa identidade, o medio natural e a igualdade.

Inma Soto é licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo e técnica en Xestión Forestal e do Medio Natural. A súa traxectoria profesional está estreitamente ligada á divulgación e á protección ambiental. Segundo a autora, as súas historias nacen da vontade de sensibilizar sobre o coidado do medio e de divulgar o patrimonio cultural galego.

A través da súa obra, Soto propón unha narrativa que vai máis alá do entretemento infantil para se converter nunha ferramenta de educación e conciencia social. O seu traballo literario combina o compromiso coa lingua, a defensa do rural e a aposta pola sustentabilidade, ofrecendo unha visión integradora da identidade galega e do territorio.
A Deputación destaca con esta iniciativa o papel transformador da literatura escrita por mulleres, subliñando a importancia de dar visibilidade ás voces femininas que contribúen a construír unha sociedade máis xusta, consciente e conectada co seu entorno.

⚙ Configurar cookies
0.17993903160095