A Deputación de Ourense dedica o recoñecemento de xullo do programa "8M, mes a mes" á árbitra Ana Martínez Presas

OurenseXa
A institución provincial pon en valor a traxectoria da colexiada ourensá como exemplo de talento, liderado e proxección no ámbito da arbitraxe futbolística
ana-martinez
8 Jul 2026

O programa "8M, mes a mes", impulsado pola Deputación de Ourense para dar visibilidade ao talento, ao liderado e á contribución das mulleres na sociedade, dedica o recoñecemento correspondente ao mes de xullo ao deporte. Nesta edición, a institución provincial destaca a figura da árbitra Ana Martínez Presas, á que presenta como un exemplo de proxección, autoridade e compromiso co fútbol na provincia.

A Deputación salienta a rápida evolución da colexiada, cuxo percorrido na arbitraxe comezou tras completar un curso de acceso desenvolvido entre os meses de setembro e decembro. Unha vez rematada esa formación, iniciou a súa actividade arbitrando partidos de fútbol 8 e debutou oficialmente o 14 de decembro desa mesma tempada no campo de Oira.

Desde ese primeiro encontro, a súa progresión foi constante. Na tempada 2024-2025 arbitrou na 3ª Futgal, dirixindo encontros ata a categoría xuvenil. Xa na campaña 2025-2026 conseguiu ascender á 2ª Futgal, consolidando a súa presenza entre os valores emerxentes do comité de árbitros.

Ao longo da presente tempada tamén participou en citas destacadas do calendario futbolístico provincial, entre elas unha das finais da Copa Deputación. A súa traxectoria completouse coa dirección da final da Copa na categoría alevín e coa participación no Torneo Internacional de Fútbol 8.

A Deputación destaca tamén as cualidades persoais e profesionais de Ana Martínez Presas, incidindo no seu carácter, personalidade e preparación física, así como na relación que mantén cos futbolistas, baseada no respecto mutuo e na comprensión do xogo.

Formada no Colexio Plurilingüe Luis Vives e con coñecementos de castelán, galego e inglés, a institución provincial considera que Ana Martínez Presas representa os valores que promove o programa "8M, mes a mes", ao reflectir o esforzo, a mocidade, o liderado e a apertura de novos camiños para as futuras xeracións de mulleres interesadas na arbitraxe deportiva.

0.14791297912598