A Deputación de Ourense dedica outubro ás mulleres gandeiras

OurenseXa
A campaña ‘8M, mes a mes’ pon o foco no traballo das mulleres no sector agrogandeiro a través da experiencia de Isaura de la Torre, gandeira de Recarei, en Bande
isaura-de-la-torre
8 Oct 2026

A campaña ‘8M, mes a mes’, impulsada pola Área de Igualdade da Deputación de Ourense, dedica o mes de outubro a visibilizar o papel das mulleres gandeiras e a súa contribución ao mantemento da actividade económica e da vida no rural.

Nesta ocasión, a iniciativa pon como exemplo a historia de Isaura de la Torre, gandeira de Recarei, en Bande, que leva toda a súa vida laboral vinculada ao coidado dos animais. Naceu en 1984 e actualmente xestiona unha explotación na comarca da Baixa Limia na que conta con arredor de 130 vacas, 20 ovellas e tres cabalos.

A súa relación coa gandería comezou tamén no ámbito familiar. A súa nai, Mari, xa se dedicaba ao coidado dos animais e Isaura continuou con esa actividade ata convertela na súa profesión e no seu modo de vida.

O traballo na explotación require dedicación diaria e non se limita a un horario convencional. A propia Isaura resume a súa experiencia sinalando que “os animais dan moito traballo, pero tamén moitas satisfaccións”. Para ela, estar cos animais “é un negocio, pero tamén unha forma de vida”, nunha actividade na que, segundo explica, “os animais teñen que comer e estar coidados os 365 días do ano”.

A campaña busca poñer o foco precisamente nesa realidade e no papel que as mulleres desempeñaron durante décadas no ámbito rural, tanto no traballo directo nas explotacións como no coidado dos animais, das terras e das familias.

Isaura tamén anima as mulleres que no futuro queiran dedicarse á gandería a “que lle poñan moitas ganas e ilusión. Iso é o máis importante”.

Con esta nova entrega, a Deputación continúa coa campaña coa que pretende manter durante todo o ano a reivindicación da igualdade e visibilizar historias de mulleres da provincia vinculadas a diferentes ámbitos profesionais e sociais.

A iniciativa da Área de Igualdade, dirixida pola deputada Teresa Barge, busca así achegar referentes femininos próximos e recoñecer a contribución de mulleres que, a través do seu traballo, participan no mantemento do territorio e de sectores nos que a súa presenza foi tradicionalmente menos visible.

0.12900686264038