A Deputación de Ourense destaca a cooperación e a innovación na resposta ás emerxencias transfronteirizas

OurenseXa
Unha xornada técnica no Centro Cultural Marcos Valcárcel reuniu profesionais de España e Portugal para analizar riscos naturais e novas ferramentas de xestión
xornada-emerxencias-dep-ourense
25 Jun 2026

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu hoxe a xornada técnica “Intervencións transfronteirizas derivadas de riscos naturais”, un encontro no que participaron profesionais da xestión de emerxencias, bombeiros, persoal de protección civil, especialistas en meteoroloxía e expertos en innovación tecnolóxica procedentes de España e Portugal.

A actividade desenvolveuse no marco do proxecto europeo ATEMPO (Adaptación Territorial ante Emerxencias e Modernización da Protección Operativa), impulsado pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), coa colaboración da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e da Deputación de Ourense.

Ao longo da xornada, os participantes destacaron a importancia de reforzar a cooperación entre administracións e servizos de emerxencia para mellorar a resposta ante riscos naturais cada vez máis frecuentes e de carácter transfronteirizo, que requiren coordinación e intercambio continuo de información.

As diferentes intervencións permitiron compartir experiencias reais de actuación en emerxencias recentes, así como analizar o uso de ferramentas tecnolóxicas como a intelixencia artificial, as plataformas dixitais de coordinación operativa e os sistemas avanzados de hidrometeoroloxía aplicada para a anticipación de riscos e a toma de decisións.

O deputado provincial de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago, destacou a importancia desta iniciativa e sinalou que a súa celebración resulta especialmente relevante ao coincidir co inicio do verán, unha época de maior exposición a incendios forestais e outros fenómenos meteorolóxicos adversos.

Segundo explicou, a participación da Deputación de Ourense nesta xornada enmárcase no seu compromiso coa cooperación institucional, a seguridade da cidadanía e a modernización dos servizos públicos a través de proxectos europeos que fomentan o intercambio de coñecemento.

Durante a sesión da mañá analizáronse experiencias recentes relacionadas coa xestión de inundacións, entre elas as rexistradas en Cádiz durante o inverno de 2026, así como os riscos asociados a este tipo de intervencións e o papel da meteoroloxía na planificación de emerxencias.

A segunda parte da xornada centrouse nas novas tecnoloxías aplicadas á xestión de emerxencias, con especial atención á intelixencia artificial, ás plataformas dixitais de coordinación e ás solucións avanzadas de hidrometeoroloxía, consideradas ferramentas clave para mellorar a prevención e a resposta ante riscos naturais.

O encontro reuniu a profesionais de Galicia, Castela e León e o norte de Portugal, consolidándose como un espazo de intercambio de coñecemento e boas prácticas en materia de cooperación transfronteiriza.

0.13285207748413