A Deputación destina 600.000 euros ao terceiro sector para impulsar preto de 60 proxectos sociais

A Deputación de Ourense destinará este ano 600.000 euros ao financiamento de proxectos promovidos por entidades do terceiro sector da provincia, unha contía que marca un novo récord na historia da institución provincial e que permitirá apoiar preto de 60 iniciativas de carácter social.
O anuncio foi realizado este luns polo presidente provincial, Luis Menor, durante a celebración da Xornada provincial do Terceiro Sector no Centro Cultural Marcos Valcárcel, un encontro que reuniu a representantes de entidades sociais, profesionais e voluntariado para compartir experiencias e reflexionar sobre os retos da atención social no territorio.
Durante a súa intervención, Menor destacou o esforzo realizado pola institución provincial para reforzar o apoio ás organizacións sociais. “Estamos ante a maior achega económica realizada nunca pola Deputación de Ourense ao terceiro sector”, afirmou, ao tempo que lembrou que nos últimos dez anos o organismo provincial contribuíu ao desenvolvemento de proxectos sociais con máis de tres millóns de euros.
A convocatoria de 2026 experimentou un importante incremento orzamentario, superior ao 70 % respecto ao exercicio anterior, e rexistrou tamén unha elevada participación. Das máis de 60 iniciativas presentadas, foron admitidas 58, o que supón o 95 % das solicitudes rexistradas.
O presidente provincial puxo tamén o foco na rapidez coa que se tramitou o procedemento. Segundo sinalou, a resolución das axudas produciuse poucas semanas despois da publicación das bases reguladoras. Neste sentido, destacou que a institución “abonou en tempo récord o 100 % das subvencións correspondentes á convocatoria do pasado ano”.
As subvencións distribúense a través de tres grandes liñas de actuación. Unha delas está destinada ao financiamento de recursos residenciais para persoas con adiccións, familias en situación de exclusión severa e programas de inclusión social e cobertura de necesidades básicas. Outra céntrase no apoio ás entidades que traballan con persoas afectadas por enfermidades crónicas e colectivos especialmente vulnerables. A terceira liña orienta os fondos a accións de sensibilización, divulgación e educación para fomentar a inclusión social e combater os estigmas.
Entre os proxectos beneficiarios, 32 recibirán a totalidade da contía solicitada. Neste grupo figuran 23 iniciativas consideradas esenciais por presentar peticións inferiores aos 10.000 euros e outras nove que acadaron a cualificación de excelencia tras superar os 90 puntos na avaliación técnica. As restantes entidades percibirán achegas superiores aos 10.000 euros en función da valoración obtida.
A xornada serviu ademais para visibilizar o traballo desenvolvido por unha trintena de entidades sociais e asociacións do ámbito rural. Ao longo de sete mesas redondas abordáronse cuestións relacionadas coa calidade dos servizos prestados, a adaptación dos proxectos ás necesidades reais da provincia e os modelos de colaboración entre administracións e entidades sociais.
Luis Menor concluíu reafirmando o compromiso da Deputación co tecido asociativo da provincia e asegurando que “non hai mellor forma de investir estes recursos que poñéndoos nas mans das entidades, dos seus profesionais e dos seus voluntarios, que representan o mellor da nosa sociedade”.