A Deputación de Ourense destina preto de 1 millón de euros á cooperación cos concellos
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá destinar preto de 1 millón de euros (947.575 euros) en axudas para cooperar cos concellos da provincia. Nesta liña, o municipio de Rubiá percibirá cinco axudas para levar a cabo diferentes obras: acondicionamento de espazos públicos (40.000 euros), mellora do acceso a Trambasaugas (48.000 euros), pavimentación de rúas (145.000 euros), reparación de vías públicas en Quereño (48.000 euros) e pavimentación en Biobra (48.000 euros).
O Concello do Barco de Valdeorras recibirá unha axuda de 100.000 euros para a execución da obra de pavimentación e renovación de infraestruturas na rúa Elena Quiroga; Oímbra contará cunha axuda de 46.407 euros para a execución da obra de instalacións deportivas; e o Concello de Arnoia disporá de 25.000 euros para a reparación de pasarelas na praia fluvial do Inquiau danadas pola riadas.
Na reunión de hoxe tamén se aprobou unha axuda de 17.900 euros para o Concello de Bande para a aportación que ten que realizar o municipio en actuacións subvencionadas pola Xunta de Galicia. Barbadás contará cunha axuda de 14.339 euros para a mellora do axardinamento baixo viaducto; Cenlle recibirá 48.000 euros para continuar coa mellora do acceso ao Outeiro en Rioboo; Quintela de Leirado contará tamén con 48.000 euros para a humanización do entorno multiusos e do concello, de San Pedro de Leirado; e San Cristovo de Cea recibirá 60.000 euros para as obras de mellora do Polígono Industrial.
Tamén se aprobaron axudas para os concellos de: Rairiz de Veiga para a mellora do viario de Candás a Fontefría (48.000 euros); San Xoán de Río para a limpeza e roza de camiños rurais (15.000 euros); Sarreaus para o acondicionamento de camiños (48.000 euros); Carballeda de Avia para cofinanciar as obras no edificio do pavillón de Abelenda (40.000 euros); Boborás para o proxecto de pavimentación de camiños en Salón e Brués (48.000 euros); Chandrexa de Queixa para a reparación de firmes en Drados, Requeixo e Zamorela (48.000 euros); e Allariz para a adquisición de maquinaria para a sala de máquinas do ximnasio (11.929 euros).
Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde a unha axuda de 1.500 euros para Taboadela Bike coa finalidade de cooperar na organización da III BTT de Taboadela do 2023; e outra por importe de 26.000 euros para axudar cos gastos de funcionamento da Fundación Carlos Casares correspondentes a este ano.
Convocado o premio Otero Pedrayo 2024
En materia de cultura, aprobáronse as bases da convocatoria do premio Otero Pedrayo 2024 que ten por obxecto “perpetuar e honrar a memoria da persoa egrexia das letras e do coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións”, segundo sinalan ditas bases.
Poderán optar a este premio: as persoas naturais nacidas ou residentes en Galicia ou con cumprida raizame nela, grupos de traballo radicados en Galicia ou constituídos para promover a cultura galega, e personalidades ou institucións que se teñan caracterizado pola difusión e mantemento da cultura galega.
A presentación a este certame deberá realizarse no prazo de tres meses a partir do día seguinte ao da publicación da súa convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.