A Deputación de Ourense e a AEPA reforzan a súa colaboración para apoiar o emprendemento na provincia

OurenseXa
“Queremos que Ourense sexa unha referencia no ámbito do traballo autónomo” salientou o presidente provincial nun encontro coa nova presidenta da AEPA, Ana Belén Fernández Valado
dep-ourense-aepa
16 May 2026

A Deputación de Ourense e a Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA) reforzarán a súa colaboración institucional co obxectivo de apoiar o emprendemento e fortalecer a actividade económica do colectivo autónomo na provincia.

O presidente da Deputación, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial coa nova presidenta da AEPA, Ana Belén Fernández Valado, acompañada polo secretario da entidade, José Manuel Díaz Barreiros, nunha reunión centrada na situación actual do colectivo autónomo e nas futuras liñas de colaboración.

Durante o encontro, Luis Menor felicitou á nova dirección da asociación polo seu recente nomeamento e polo “intenso traballo desenvolvido nestes primeiros meses ao fronte da entidade”, poñendo en valor as iniciativas xa postas en marcha en favor do sector.

O presidente provincial destacou tamén a relevancia do traballo autónomo en Ourense, onde actualmente se contabilizan 22.167 persoas autónomas, cun incremento recente de 58 altas no último mes. Segundo os datos achegados, este colectivo representa o 20,4 % do total da ocupación na provincia, unha cifra “amplamente superior á media nacional, situada no 13,7 %”.

Neste sentido, Menor subliñou que “estes datos evidencian a importante vocación emprendedora que existe en Ourense e marcan tamén o camiño no que debemos seguir traballando desde as institucións”, incidindo na importancia de seguir apoiando ao sector en ámbitos como a formación, a fiscalidade ou a adaptación normativa.

O presidente provincial reafirmou ademais o compromiso da Deputación coa AEPA, lembrando que xa se iniciou este ano unha colaboración económica e institucional destinada a apoiar o funcionamento da entidade e as súas actividades.

“Queremos que Ourense sexa unha referencia no ámbito do traballo autónomo, porque contamos cun punto de partida sólido e cun colectivo dinámico e fundamental para o desenvolvemento económico e social do territorio”, sinalou Menor.

Pola súa banda, a presidenta da AEPA agradeceu a disposición da Deputación e destacou a importancia de contar cun espazo de referencia para os máis de 22.000 autónomos da provincia. Así mesmo, apuntou que a entidade traballa para consolidarse “nun punto de encontro para os autónomos de toda a provincia”, co fin de canalizar as súas demandas e contribuír a mellorar a competitividade do sector.

0.11778402328491