A Deputación de Ourense e Empresarias de Galicia buscan dar visibilidade á muller no ámbito empresarial na provincia

OurenseXa
Ambos organismos mantiveron un primeiro encontro de traballo para estudar posibles accións conxuntas orientadas a promover a igualdade na provincia
reunion-dep-oourense-emprsarias-de-galicia
6 May 2026

A Deputación de Ourense e a asociación Empresarias Galicia abriron unha liña de diálogo para estudar posibles accións conxuntas orientadas a promover a igualdade e dar maior protagonismo ás mulleres no tecido empresarial da provincia.

O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha xuntanza de traballo coa presidenta do colectivo, Gala Llano, na que se puxeron sobre a mesa distintas propostas de colaboración. Durante o encontro, a representante da entidade expuxo o labor que desenvolven en Galicia, centrado en fortalecer a presenza feminina no mercado laboral e no ámbito empresarial, especialmente naqueles sectores onde a súa representación segue sendo menor.

O mandatario provincial destacou a sintonía entre ambas institucións, subliñando o compromiso compartido “na defensa da igualdade de oportunidades e na necesidade de seguir dando visibilidade ao talento, á capacidade emprendedora e á actividade empresarial das mulleres”.

Ao longo da reunión tamén se abordaron as iniciativas que impulsa a Deputación en materia de igualdade, moitas delas dirixidas á promoción profesional das mulleres e á sensibilización social sobre a importancia de avanzar cara a unha presenza máis equilibrada nos distintos sectores económicos.

Entre as cuestións tratadas figurou a posibilidade de levar a Ourense algunhas das actividades e eventos que Empresarias Galicia organiza noutras zonas da comunidade, contando co apoio da institución provincial. Neste sentido, García Llano salientou o potencial do tecido empresarial da provincia e a necesidade de reforzar a presenza da asociación neste territorio, destacando que “o tecido empresarial ourensán é moi importante e hai que dar visibilidade ás mulleres que forman parte del”. Ademais, amosou a disposición da entidade a colaborar en futuras iniciativas conxuntas coa Deputación.

0.13699913024902