A Deputación eleva ata os 600.000 euros a convocatoria de proxectos sociais, a máis alta da súa historia

OurenseXa
A medida supón un incremento superior ao 70% respecto ao exercicio anterior e reforza o papel da institución provincial como apoio fundamental para as organizacións que traballan con colectivos vulnerables
luis-menor
24 Apr 2026

A Deputación de Ourense acaba de publicar a súa convocatoria provincial de proxectos sociais para 2026 cun orzamento récord de 600.000 euros, a maior contía destinada ata o momento a esta liña de apoio ao terceiro sector. Trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, as entidades sociais xa poden presentar as súas propostas desde esta semana e ata o 18 de maio.

Esta convocatoria supón un incremento superior ao 70% respecto ao exercicio anterior e reforza o papel da institución provincial como apoio fundamental para as organizacións que traballan con colectivos vulnerables. O obxectivo é financiar programas que melloren a saúde, a calidade de vida e a prevención da exclusión social ao longo de 2026, consolidando o labor das asociacións como eixo clave da intervención social na provincia.

O presidente da Deputación, Luis Menor, xa avanzara hai un mes esta decisión durante o “Concerto 8M”, no que anunciou precisamente ese incremento de fondos en máis dun 70%. Agora, coa publicación oficial da convocatoria, cúmprese o compromiso realizado nun acto organizado pola Área de Benestar con motivo do Día Mundial da Muller.

Como novidade destacada, a convocatoria estrutúrase en tres liñas adaptadas a diferentes ámbitos de actuación. Unha delas céntrase na inclusión e emerxencia social, con axudas de ata 40.000 euros para proxectos destinados a persoas en situación de exclusión severa ou con adiccións, así como para cubrir necesidades básicas. Outra liña está orientada á atención da cronicidade e a vulnerabilidade, con achegas de ata 30.000 euros para apoiar persoas con enfermidades de longa duración e familias con redes de apoio debilitadas. A terceira liña enfócase na sensibilización e educación, con financiamento de ata 20.000 euros por proxecto para accións formativas, de visibilización e promoción da tolerancia, quedando fóra aquelas iniciativas de carácter puramente lúdico ou sen contido técnico acreditado.

Poderán beneficiarse destas axudas asociacións e fundacións con sede ou actividade en Ourense que estean inscritas no rexistro correspondente da Xunta de Galicia antes de rematar o prazo de solicitude. A selección farase mediante concorrencia competitiva e unha comisión avaliará os proxectos sobre 100 puntos, esixindo un mínimo de 45 para poder optar ás subvencións. Teranse en conta aspectos como a calidade técnica das propostas, a traxectoria das entidades, o impacto territorial e a coordinación con servizos públicos como o Sergas ou os servizos municipais.

Dende a Deputación subliñan que esta convocatoria busca dar continuidade aos bos resultados do ano anterior, no que se cofinanciaron máis de medio cento de entidades, e consolidar o apoio ao tecido social como ferramenta esencial para mellorar o benestar e a participación social en toda a provincia.

0.12169909477234