A Deputación de Ourense expón na Biblioteca Pública Nós as pezas teceladas polo alumnado do Obradoiro de Teares

OurenseXa
A mostra reúne o traballo de máis de vinte alumnos e alumnas que aprenderon técnicas téxtiles tradicionais durante o curso 2025-2026, e poderá visitarse ata o 31 de outubro
Exposición Teares biblioteca Nós Ourense
15 Oct 2026

O Obradoiro de Teares do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dependente da Deputación de Ourense, presenta na Biblioteca Pública Nós unha exposición coas pezas realizadas polo seu alumnado durante o curso 2025-2026. A mostra poderá visitarse ata o 31 de outubro.

O director da área de Cultura e Deportes da Deputación, Marcos Vázquez, asistiu hoxe á apertura desta exposición, na que se amosan as creacións de máis de vinte persoas que participaron no curso e puxeron en práctica as técnicas tradicionais de tecedura transmitidas pola artesá Concha Outeiriño.

Entre as pezas que se poden ver figuran fundas de fol e flocos de gaita, faixas, chalecos, saias, panos e chales, bufandas, pés de cama e coxíns, alfombras, bolsos, manteis e cortinas. Os traballos están elaborados con distintos puntos téxtiles —como o adamascado, o tafetán, a sarga, o gorullo ou o panamá— e reflicten o nivel que acada o alumnado tras os catro anos de formación que ofrece o obradoiro.

Este taller organízao o CCP Xaquín Lorenzo con carácter anual dende o ano 2005, co dobre propósito de ensinar o manexo de teares artesanais e de contribuír a preservar o patrimonio téxtil tradicional. Boa parte das pezas elaboradas polos participantes ten despois unha aplicación práctica: a Escola Provincial de Danza-Castro Floxo emprégaas para reproducir o vestiario tradicional galego que lucen os seus grupos de folclore nas súas actuacións.

O programa formativo tamén reserva un espazo á innovación, de xeito que, a partir de modelos e técnicas herdados da tradición, o alumnado pode deseñar igualmente pezas pensadas para un uso máis contemporáneo.

A exposición pode visitarse na Biblioteca Pública Nós co horario habitual do centro: de luns a venres, de 09.00 a 21.00 horas, e os sábados pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

0.16959691047668