A Deputación de Ourense financia 'Bule Bule', o programa que axuda á mocidade ourensá tras saír do sistema de protección

OurenseXa
A iniciativa ofrece aloxamento temporal, acompañamento social e formación a maiores de 18 anos que pasaron polo sistema de protección de menores, e conta con financiamento público provincial
Provivienda Deputación Ourense
28 Sep 2026

Cumprir a maioría de idade supón un cambio importante para calquera mozo ou moza, pero tamén un reto engadido para quen creceu dentro do sistema de protección de menores. Para acompañalos neste tramo, a entidade Provivienda desenvolve en Ourense o programa 'Bule Bule', un recurso pensado para favorecer a súa autonomía persoal e residencial.

O programa dirixese a rapaces e rapazas maiores de 18 anos que pasaron polo sistema de protección de menores e se atopan en plena transición cara á vida adulta. Combina o acceso a unha vivenda temporal de apoio con acompañamento social, asesoramento e formación, co obxectivo de que poidan gañar independencia sobre unha base máis segura.

Este recurso conta co respaldo económico da Deputación de Ourense, que, segundo se indica, é actualmente a única administración pública que financia o programa. Esa achega permite a Provivienda facer fronte a distintos gastos, entre eles o aluguer anual da vivenda de inserción e transición onde se desenvolve a iniciativa.

Provivienda está presente en Ourense e atende, de media, a unhas 100 persoas. Para coñecer de primeira man o seu traballo e o funcionamento de 'Bule Bule', a deputada provincial Patricia Torres Madureira realizou unha visita de traballo á vivenda. No encontro participaron Ana Pardo Fernández, responsable territorial de Provivienda Galicia; Almudena Vázquez Sera, técnica responsable do programa; Montserrat Rodríguez González, adxunta á dirección da Área de Benestar da Deputación, e Pili Nogueiras Rodríguez, responsable de Programas Transversais de Provivienda Ourense.

O seguimento dos proxectos que apoia a institución provincial forma parte da súa colaboración coas entidades sociais que traballan pola inclusión e a igualdade de oportunidades da mocidade ourensá. Con este financiamento, a Deputación reforza o seu compromiso no eido dos servizos sociais e coa autonomía, a emancipación e a inclusión social da mocidade máis vulnerable da provincia.

0.15718603134155