A Deputación de Ourense homenaxea aos empregados públicos xubilados no marco da festividade de Santa Rita

OurenseXa
O acto central serviu para recoñecer o labor de catorce traballadores e traballadoras que finalizaron a súa etapa profesional na institución
dep-ourense-santa-rita
22 May 2026

A Deputación de Ourense celebrou este xoves a festividade de Santa Rita de Casia, patroa do persoal da Administración local, cunha xornada que combinou actos relixiosos, actividades lúdicas e unha homenaxe aos empregados públicos xubilados neste ano.

O acto central serviu para recoñecer o labor de catorce traballadores e traballadoras que finalizaron a súa etapa profesional na institución. O presidente provincial, Luis Menor, agradeceulles a súa traxectoria e subliñou a súa contribución ao servizo público, destacando que entre todos eles suman “504 anos de servizo colectivo aos ourensáns”.

Menor puxo tamén en valor o papel do persoal da administración como piar fundamental da institución e sinalou que os xubilados deixan “un legado de profesionalidade que servirá de exemplo e guía para os centos de compañeiros que continúan a súa vida laboral”.

Máis alá da parte institucional, a xornada desenvolveuse nun ambiente festivo, con propostas deportivas e xogos populares dirixidos ao conxunto do persoal. A celebración incluíu ademais a tradicional misa na capela de Laias.

O encontro pechouse co habitual xantar de confraternidade, no que participaron máis de 300 traballadores e traballadoras de distintas áreas da Deputación, nun espazo pensado para reforzar a convivencia e os vínculos entre o persoal fóra do ámbito laboral.

0.12524509429932