A Deputación de Ourense impulsa novas axudas para a reforma de vivendas destinadas a maiores de 65 anos

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta semana un conxunto de dez asuntos que mobilizan algo máis de 306.000 euros destinados a distintas liñas de actuación en materia social, deportiva, municipal e de apoio ao tecido asociativo da provincia.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou tras a sesión que estas decisións “reflicten o compromiso da Deputación cun modelo de provincia baseado na proximidade, na cooperación cos concellos e na mellora da calidade de vida das persoas, especialmente no rural”.
Un dos principais acordos é a posta en marcha dunha nova convocatoria de axudas destinada á adaptación de vivendas de persoas maiores de 65 anos, que contará cun orzamento de 150.000 euros. Esta cifra supón un incremento do 50% respecto á edición anterior e permitirá elevar ata 2.500 euros a contía máxima por beneficiario.
Trátase dun programa impulsado pola área de Benestar, iniciado en 2025, que na súa primeira edición atendeu a totalidade das solicitudes presentadas e beneficiou a 55 persoas en 35 concellos. O obxectivo é facilitar que as persoas maiores poidan permanecer nos seus fogares en condicións axeitadas de seguridade, autonomía e dignidade.
Poderán optar a estas axudas as persoas maiores de 65 anos empadroadas en municipios de menos de 20.000 habitantes, sempre que sexan propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias da súa vivenda habitual e cumpran os requisitos de renda establecidos, inferiores a tres veces o IPREM.
As actuacións subvencionables inclúen melloras na habitabilidade e accesibilidade, como a eliminación de humidades, a renovación de instalacións básicas ou a adaptación de baños. Tamén se contemplan reformas para eliminar barreiras arquitectónicas, ampliar espazos ou substituír bañeiras por pratos de ducha, ademais da adquisición de equipamento de apoio como camas articuladas ou cadeiras especiais.
As solicitudes poderán presentarse durante un mes a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, e as axudas concederanse por orde de entrada ata esgotar o crédito dispoñible.
No ámbito deportivo, a Xunta de Goberno tamén aprobou a resolución das axudas para as Copas Deputación 2026, que suman máis de 88.000 euros repartidos entre 28 iniciativas. Estas subvencións permitirán a organización de competicións en diversas disciplinas, desde atletismo ou ciclismo ata deportes como boxeo, escalada ou pickleball.
Así mesmo, déronse luz verde a modificacións do Plan provincial de cooperación con varios concellos, así como a investimentos en infraestruturas en municipios como Parada de Sil, Viana do Bolo e Xunqueira de Ambía.
Por último, resolvéronse as axudas destinadas a federacións e asociacións veciñais, cunha dotación de 43.000 euros, dirixidas a reforzar o papel do movemento veciñal como elemento de cohesión social, especialmente no ámbito rural.