Nogueira de Ramuín inaugura unha nova pista polideportiva grazas a unha achega de 50.000 euros da Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou este mércores Nogueira de Ramuín para coñecer varias actuacións impulsadas polo Concello co apoio da institución provincial, entre elas a nova pista polideportiva de Luíntra e o espazo no que está prevista a construción dun futuro Centro Interxeracional.
A pista, situada na zona de equipamentos recreativos e educativos de Luíntra, contou cunha achega de 50.000 euros da Deputación e está preparada para acoller diferentes modalidades deportivas, como fútbol sala, baloncesto, balonmán ou voleibol. Ademais, as instalacións permitirán desenvolver programas de ximnasia de mantemento e actividades ao aire libre destinadas ás persoas maiores, co obxectivo de favorecer hábitos saudables e combater a soidade non desexada.
Durante a visita, Menor destacou a planificación do Concello e a integración da infraestrutura no seu contorno. O presidente provincial considerou que a pista complementa os equipamentos existentes na zona e contribúe a ampliar a oferta de servizos tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan a Ribeira Sacra.
A visita incluíu tamén unha visita ao lugar reservado para o futuro Centro Interxeracional de Nogueira de Ramuín. O novo equipamento pretende cubrir a falta dun espazo no que as persoas maiores e a mocidade poidan desenvolver as súas actividades e organizar pequenos eventos
Os representantes municipais mostraron igualmente a Luis Menor a zona na que está prevista a construción de 17 vivendas para atender a demanda residencial existente no concello. O proxecto contempla vivendas de protección oficial e libres e conta coa participación do Concello, a Xunta de Galicia e a Fundación Ferama.
O presidente da Deputación situou estas actuacións dentro da colaboración da institución cos concellos da provincia. Segundo explicou, a través do plan CooperOU e doutras achegas, Nogueira de Ramuín recibirá preto de 1,4 millóns de euros durante o período 2023-2027.
Pola súa banda, o alcalde, Julio Temes, agradeceu o apoio da Deputación e salientou que a nova pista deportiva foi posible grazas ao financiamento provincial. O concelleiro de Deportes e responsable do proxecto, Raúl Soto, tamén agradeceu o respaldo recibido para facer realidade a instalación.