A Deputación de Ourense impulsa un sistema para identificar e sinalizar os treitos con maior risco de atropelos de fauna silvestre

OurenseXa
Coa aprobación desta instrución, a Deputación de Ourense dá un paso relevante na modernización da xestión da súa rede viaria, incorporando ferramentas técnicas avanzadas para mellorar a seguridade viaria
xabarin-jabali
29 Apr 2026

A Deputación de Ourense porá en marcha, por primeira vez na provincia, un sistema técnico estandarizado para detectar e sinalizar os treitos da rede provincial con maior risco de atropelos de fauna silvestre.

A medida, aprobada pola Presidencia o 10 de abril e xa publicada, establece por primeira vez unha metodoloxía común para identificar os chamados Treitos de Concentración de Atropelos de Animais (TCAAs). O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e dar resposta a unha problemática recorrente nas estradas do rural, onde a convivencia co medio natural xera situacións de risco para a circulación.

Segundo os datos recollidos pola Deputación, os accidentes con fauna mantéñense en cifras elevadas e bastante estables, cunha media de arredor de 300 sinistros ao ano na última década. Xabarín e corzo son as especies implicadas na maioría dos casos, entre o 89% e o 94% dos rexistros anuais. Entre 2021 e 2025 contabilizáronse 1.377 accidentes con estas especies na rede provincial, a maior parte deles con danos materiais.

A nova instrución adapta a metodoloxía á Instrución 2/2023 da Xunta de Galicia e emprega como base os datos da base ARENA da Dirección Xeral de Tráfico, incorporando tanto accidentes con vítimas como con danos materiais para unha análise máis completa.

O sistema baséase no Índice Puntual de Accidentes (IPA), aplicado sobre tramos de 1 quilómetro con avaliacións cada 10 metros. Consideraranse TCAA aqueles treitos cun IPA medio igual ou superior a 2 accidentes por quilómetro e ano durante un período de cinco anos, que será actualizado de forma anual.

Aplicando este modelo ao período 2021–2025 identificáronse 16 treitos de especial risco, cunha lonxitude total de 26,21 quilómetros e 259 accidentes rexistrados de fauna.

Entre os puntos máis conflitivos destacan a OU-0524 (do punto quilométrico 0,40 ao 2,30), cun IPA de 2,53; a OU-0502 (1,27–3,83), cun IPA de 2,50; e a OU-0203 (1,90–4,30), cun IPA de 2,17. Nestes casos rexístranse máis de 10 accidentes por quilómetro no período analizado.

Todos os treitos identificados contarán con sinalización específica conforme ao Regulamento Xeral de Circulación. Instalaranse sinais de perigo por paso de fauna en ambos sentidos, xunto con sistemas de aviso luminoso, paneis informativos coa lonxitude afectada e medidas de limitación de velocidade adaptadas a cada vía.

A sinalización será revisada cada ano, coincidindo coa actualización dos datos, o que permitirá modificar a delimitación dos treitos en función da evolución dos rexistros de accidentes.

0.1191029548645