A Deputación de Ourense impulsará unha nova vía de colaboración con ATEGAL

OurenseXa
Durante un encontro entre os presidentes de ambas entidades avaliáronse posibles fórmulas de colaboración co obxectivo de apoiar o funcionamento da asociación e reforzar o seu labor no territorio
reunion-dep-ourense-ategal
6 May 2026

A Deputación de Ourense avanzará na posta en marcha dunha nova liña de cooperación coa Asociación de Tecores Galegos (ATEGAL) tras un encontro mantido no Pazo Provincial entre o presidente, Luis Menor, e membros da directiva da entidade.

Durante a reunión, ambas partes analizaron posibles fórmulas de colaboración co obxectivo de apoiar o funcionamento da asociación e reforzar o seu labor no territorio. Neste sentido, Menor destacou que esta iniciativa busca contribuír ao “beneficio social que iso implica para a nosa provincia”.

ATEGAL desenvolve a súa actividade en ámbitos relacionados coa conservación da biodiversidade e coa xestión da fauna salvaxe, un aspecto especialmente relevante en Ourense, onde cada ano se rexistran numerosos accidentes de tráfico, máis de mil o ano pasado, e danos no sector primario derivados da presenza de especies como o xabaril ou o lobo.

Ademais, desde a institución provincial tamén se puxo en valor o papel destes colectivos no impulso do turismo cinexético, que, segundo explicou o presidente, contribúe ao desenvolvemento económico do rural ao tratarse dun sector con capacidade para xerar actividade e mobilizar recursos.

A Deputación comprométese así a habilitar unha liña de apoio similar á xa existente noutras provincias galegas, destinada a colaborar cos gastos de funcionamento dos tecores e a recoñecer o impacto da súa actividade na sociedade ourensá.

Pola súa parte, o secretario de ATEGAL, Manolo Portas, agradeceu a disposición da institución e salientou a relevancia da cooperación pública para asegurar “o bo facer” das sociedades de caza e afrontar retos actuais como o control do xabaril.

0.12419986724854