A Deputación de Ourense incrementa ata os 1,55 millóns de euros a dotación económica para o Servizo de Axuda no Fogar

A Deputación de Ourense prepara unha modificación do programa provincial de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal, co obxectivo de facelo máis áxil, flexible e eficiente na xestión dos recursos públicos.
O novo regulamento, elaborado pola Área de Benestar, levarase ao pleno provincial do próximo mes de maio. O documento incorpora achegas dos distintos grupos políticos, tras as reunións mantidas previamente polo presidente provincial, Luis Menor, e a deputada de Benestar Social, Patricia Torres, cos voceiros para consensuar melloras no programa.
Entre os principais cambios, a dotación económica anual do SAF incrementarase ata os 1,55 millóns de euros, o que supón un aumento do 7% respecto ao exercicio anterior. Con este reforzo, a institución busca mellorar a execución do orzamento, co obxectivo de superar o 95% en 2026 fronte ao 89% acadado en 2025.
O novo modelo tamén introduce unha simplificación na xustificación dos gastos. Os concellos poderán facelo a través dun sistema baseado nun custo de referencia de 19 euros por hora de servizo, o que reducirá os trámites administrativos.
Ademais, o programa incorpora ferramentas de dixitalización avanzada, como a intelixencia artificial e a interoperabilidade entre administracións, para automatizar procesos e reducir cargas burocráticas nos servizos sociais municipais.
Outra das novidades é a creación dunha “vía de flexibilidade”, que permitirá aos concellos destinar ata un 35% da axuda a gastos estruturais vinculados ao servizo, sempre que se garanta polo menos un 80% das horas de atención directa.
Tamén se introduce un sistema de anticipos voluntarios, de modo que cada concello poderá decidir se solicita ou non un adianto do 80% da subvención, evitando así posibles tensións de tesouraría ou devolucións posteriores.
Con estes cambios, a Deputación de Ourense busca consolidar un modelo de financiamento do SAF máis moderno, adaptado á realidade dos municipios e apoiado en novas ferramentas tecnolóxicas.