A Deputación de Ourense investirá preto dun millón de euros na mellora da eficiencia enerxética das instalacións provinciais

A Deputación de Ourense avanza na súa estratexia de sustentabilidade ambiental a través da execución de varios proxectos de eficiencia enerxética financiados con tres subvencións do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e do Instituto Galego de Enerxía (INEGA), que suman un total de 961.950 euros.
Segundo explicou o deputado de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago, estas actuacións forman parte da folla de ruta do goberno provincial para reducir o gasto enerxético e avanzar cara a unha maior sustentabilidade. “Gastar menos e ser cada vez máis sostibles medioambientalmente”, sinalou, destacando o obxectivo de diminuír de forma significativa as facturas de calefacción e electricidade da institución.
O proxecto de maior envergadura céntrase na climatización do Pazo Provincial e do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, cunha axuda do IDAE de 300.000 euros e un orzamento total que supera o millón de euros con IVE incluído. A intervención consistirá na implantación dun sistema integral de xeotermia baseado nun circuíto pechado de intercambio de calor, aproveitando fontes subterráneas xa existentes.
Este sistema permitirá cubrir as necesidades de calefacción no inverno e xerar aire frío no verán mediante tecnoloxía de absorción. Segundo as estimacións, o aforro anual acadará os 80.000 euros, dos que 50.000 corresponderían ao Pazo Provincial e 30.000 ao Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.
A segunda liña de actuación está destinada ao Pazo dos Deportes “Paco Paz”, onde se instalarán paneis solares fotovoltaicos cunha achega do INEGA de 150.000 euros, dentro dun proxecto cun custo total de 357.827 euros. Trátase dun sistema de autoconsumo compartido que permitirá abastecer non só o pavillón, senón tamén, en fases posteriores, outros centros, co obxectivo de reducir o consumo eléctrico do Pazo Provincial e do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.
A terceira actuación conta cun financiamento do IDAE de 511.450 euros e estará centrada na mellora da eficiencia enerxética dos sistemas de bombeo de auga municipais dependentes da Deputación de Ourense, mediante a instalación de enerxía solar fotovoltaica. O investimento total deste proxecto ascende a 1,19 millóns de euros.
Con estas intervencións, a Deputación de Ourense reforza a súa aposta pola eficiencia enerxética e pola redución do consumo de recursos nas súas instalacións e servizos provinciais.