A Deputación de Ourense mobiliza 20,4 millóns de euros en apoio a concellos, entidades e mancomunidades

OurenseXa
Para cooperación cos concellos destínanse máis de 13,1 millóns que permitirán financiar 300 actuacións municipais, mentres que para colaboración con entidades a dotación supera os 7,2 millóns, que financiarán preto de 270 actividades de colectivos dos máis diversos ámbitos
pleno-dep-ourense
30 Apr 2026

A Deputación de Ourense aprobou en pleno dúas modificacións de crédito que permiten mobilizar preto de 20,4 millóns de euros destinados á cooperación cos concellos, mancomunidades e distintas entidades da provincia. Os fondos proceden do remanente de tesourería correspondente ao exercicio de 2025.

A maior parte desta dotación, máis de 13,1 millóns de euros, destinarase á cooperación cos concellos e permitirá financiar arredor de 300 actuacións municipais. Estas intervencións céntranse principalmente na mellora de servizos básicos, así como na reparación e rehabilitación de infraestruturas danadas por incendios e temporais recentes.

Entre as partidas máis destacadas figuran investimentos en residencias de maiores e centros de día en varios municipios, así como actuacións en contornas de equipamentos sociais. Tamén se recollen máis de 1,4 millóns de euros para infraestruturas deportivas, incluíndo campos de fútbol e melloras en polideportivos de varios concellos.

No ámbito educativo, destínanse 250.000 euros aos concellos que contan con conservatorios de música. Ademais, inclúese unha partida para os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), que beneficiará a diferentes localidades da provincia e tamén a estruturas de protección civil.

A segunda liña de financiamento, con máis de 7,2 millóns de euros, irá destinada á colaboración con entidades de diversos ámbitos, como o social, cultural, deportivo, medioambiental ou empresarial, e permitirá financiar preto de 270 actividades.

Dentro deste apartado, máis de 1 millón de euros irán para mancomunidades, destacando a achega de 500.000 euros á mancomunidade de Verín para o desenvolvemento do plan “Futuro Verde do Alto Támega”, que envolve varios municipios das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras.

Na mesma sesión aprobouse tamén unha modificación de crédito do Inorde por valor de 462.500 euros, destinada a actuacións de promoción, participación en feiras e apoio a iniciativas turísticas e culturais, así como o orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras para 2026, que ascende a 1,85 millóns de euros.

Entre outros acordos, o pleno deu luz verde a un convenio de cooperación transfronteiriza con entidades portuguesas para a creación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Raia Seca-Geres/Xurés, co obxectivo de reforzar servizos, loitar contra o despoboamento e mellorar a cohesión territorial.

No apartado de mocións, a corporación aprobou varias iniciativas centradas nas emerxencias provinciais, a mellora de estradas como as de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, o estudo da incidencia da silicose en Valdeorras e a revisión da normativa autonómica sobre o aproveitamento lúdico das augas termais, co fin de adaptala ás necesidades dos concellos e garantir a súa aplicación efectiva.

0.12478613853455