A Deputación de Ourense mobiliza 344.000 en axudas a concellos, deporte e cultura

OurenseXa
No ámbito deportivo destaca a resolución da convocatoria de axudas a deportistas cualificados en modalidades individuais, cun orzamento de 49.000 euros
luis-menor-axudas-deportistas-individuais
8 Jun 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou un total de 12 acordos que supoñen a mobilización de 344.000 euros destinados á cooperación cos concellos, o apoio ao deporte, o fortalecemento do tecido cultural e social e a dinamización económica da provincia.

O presidente provincial, Luis Menor, subliñou que as decisións adoptadas responden á vontade da institución de “estar ao lado dos concellos, apoiar o talento deportivo, reforzar o labor das entidades sociais e culturais e contribuír ao desenvolvemento económico da provincia”.

No ámbito da cooperación municipal, aprobouse unha subvención de 60.000 euros para o Concello de Gomesende destinada á mellora de vías municipais e á renovación de luminarias. Tamén se deu luz verde a unha modificación dunha axuda de 10.000 euros para o Concello de Bande, orientada á mellora de camiños no núcleo de Corvelle, así como a unha modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais de 2026 no caso do Concello de Vilamartín de Valdeorras.

Un dos puntos destacados da sesión foi a resolución da convocatoria de axudas a deportistas cualificados en modalidades individuais, cun orzamento de 49.000 euros. En total, a medida permitirá apoiar a 61 deportistas ourensáns de 22 disciplinas deportivas diferentes, entre as que se atopan atletismo, piragüismo, ximnasia, bádminton, ciclismo, natación, boxeo, taekwondo, tiro olímpico, automobilismo ou breaking, entre outras.

Luis Menor destacou o carácter estratéxico desta liña de axudas, destinada a contribuír aos gastos derivados da actividade deportiva de atletas que compiten a nivel autonómico, nacional e internacional. Segundo indicou, “o deporte individual require moitas veces dun enorme esforzo persoal e familiar. Con estas axudas queremos contribuír a que o talento deportivo da nosa provincia poida seguir medrando e competindo ao máximo nivel”.

A Xunta de Goberno aprobou tamén dúas colaboracións con entidades deportivas: 50.000 euros para a Unión Deportiva Ourense e outros 50.000 euros para o Club Balonmán Ribeiro.

No apartado cultural, social e profesional, aprobáronse subvencións por un importe global de 108.000 euros. Entre as entidades beneficiarias figuran a Asociación por Eles TEA, a Fundación Ínsua dos Poetas para a organización da Festa da Palabra, o Liceo Recreo Orensano, a Real Academia Galega e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense, entre outras.

Ademais, destináronse 17.000 euros ao Centro Comercial Aberto do Barco de Valdeorras para gastos de funcionamento e desenvolvemento de proxectos.

0.12576103210449