A Deputación de Ourense mobiliza máis de 1,15 millóns de euros para concellos e entidades da provincia

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A Xunta de Goberno aprobou 47 asuntos, con máis de 453.000 euros destinados a actuacións municipais e máis de 701.000 euros para entidades sociais, culturais, deportivas e económicas
Luis-menor
17 Aug 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns 47 asuntos que permitirán mobilizar 1.154.794,34 euros para apoiar aos concellos e ao tecido asociativo da provincia. Do total, 453.423,57 euros corresponden a actuacións municipais, mentres que 701.370,77 euros se distribuirán entre entidades sociais, culturais, deportivas, económicas e empresariais.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que estas achegas permiten atender necesidades concretas dos municipios e apoiar entidades que desenvolven actividade e prestan servizos no territorio. “Falamos de máis de 1,15 millóns de euros destinados a atender necesidades concretas, impulsar proxectos, reforzar servizos e dinamizar social e economicamente o territorio”, sinalou.

No apartado de cooperación municipal, a maior achega será para o Concello de Verín, que contará con 127.000 euros para a reordenación da avenida de Portugal. A Gudiña recibirá 70.000 euros para facer fronte aos incrementos de obra do Fogar Residencial, mentres que A Pobra de Trives contará con 60.000 euros para melloras nas infraestruturas viarias.

Castrelo do Val percibirá dúas subvencións que suman 86.060 euros. Unha delas, de 44.500 euros, destinarase á pavimentación da rúa San Antonio, en Nocedo do Val, e a outra, de 41.560 euros, á pavimentación de pistas no mesmo núcleo.

Pola súa banda, o Concello de Bande recibirá 26.005 euros repartidos en dúas achegas: 17.005 euros para a adquisición dunha minirretroescavadora destinada a actuacións de protección e 9.000 euros para a adecuación dun parque infantil. Cenlle contará con 17.176,57 euros para a demolición dunha edificación en Riobóo e O Carballiño con 20.000 euros para colaborar coa Festa do Pulpo.

A sesión incluíu tamén modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais relativas a actuacións nos concellos de Baltar, Celanova, Porqueira e Xunqueira de Espadanedo.

Entre os acordos adoptados figura a posta en marcha dunha nova liña de cooperación destinada a facilitar aos concellos a adquisición de bancos e marquesiñas. A Deputación financiará a metade do custo, mentres que os municipios asumirán o 50 % restante.

Para este ano, a achega municipal será de 121,75 euros máis IVE por cada banco e de 1.246,14 euros máis IVE por cada marquesiña. Cada Concello poderá solicitar ata cinco bancos e unha marquesiña ao ano, e as peticións atenderanse por orde de presentación da documentación correcta e completa ata esgotar as unidades ou o crédito dispoñible.

Os equipamentos deberán instalarse en terreos municipais ou en espazos autorizados pola administración correspondente. Os concellos encargaranse da retirada, transporte e instalación, así como da preparación da base de cimentación necesaria para as marquesiñas.

Luis Menor explicou que a iniciativa responde a peticións trasladadas polos alcaldes e alcaldesas, especialmente nos municipios rurais, e destacou a utilidade destes elementos para facer máis accesibles os espazos públicos e mellorar as condicións das persoas usuarias do transporte público.

NOVOS RUEIROS EN CINCO CONCELLOS

A Deputación resolveu tamén a convocatoria para municipios de menos de 5.000 habitantes destinada á elaboración de cartografía dixital dos rueiros e á colocación de placas identificativas, cun investimento total de 47.182 euros.

As achegas corresponden a Piñor, con 9.014,50 euros; Vilamartín de Valdeorras, con 10.000 euros; Vilar de Santos, con 8.167,50 euros; Ribadavia, con 10.000 euros; e Avión, tamén con 10.000 euros.

O obxectivo é actualizar a identificación das rúas, núcleos e espazos públicos, facilitando a orientación e tamén a intervención dos servizos sanitarios, de emerxencias, seguridade, transporte e reparto.

110.000 EUROS PARA ENTIDADES SOCIAIS

No ámbito social aprobáronse 110.000 euros para programas de atención, inclusión e acompañamento a persoas e familias. ASPANAS recibirá 60.000 euros para reformas nos seus centros; APSOU contará con 25.000 euros para o seu proxecto provincial de 2026; e a Asociación Autismo Apúntaste obterá 15.000 euros para o seu programa de atención temperá e infanto-xuvenil.

Special Olympics Galicia recibirá outros 10.000 euros para a convivencia familiar prevista no Carballiño.

224.00O EUROS EN AXUDAS A ACTIVIDADES CULTURAIS

As axudas culturais ascenden a 223.949,17 euros. Dentro desta partida, 59.999,17 euros corresponden á convocatoria para festivais, ciclos, mostras e outras actividades culturais.

A Agrupación Musical da Limia-Orquestra Ourensanía contará con 40.000 euros, mentres que a Fundación Florencio Delgado Gurriarán recibirá 30.000 euros. A Fundación Carlos Casares e a Fundación Curros Enríquez obterán 26.000 euros cada unha e a Fundación Rosalía de Castro, 15.000 euros.

Tamén se aprobaron 10.450 euros para a Asociación Cultural Musical Novo Camiño, 5.000 euros para a Fundación Araguaney-Puentes de Cultura, outros 5.000 para o Grupo Folclórico Lembranza Solpor, 3.000 para FETEAGAL, 2.000 para a Asociación Cultural Memoria Antigua e 1.500 euros para o Círculo Poético Ourensán.

116.000 PARA O DEPORTE NA PROVINCIA

As entidades deportivas recibirán 116.421,60 euros. O Club Náutico Castrelo de Miño contará con 50.000 euros para o mantemento do pantalán; a Asociación Deportiva Bosco, con 30.000 euros para os gastos de funcionamento da tempada 2025-2026; o Club Gayosos Competición, con 20.000 euros para a súa actividade de ámbito nacional; e a Asociación de Amigos do Motociclismo da Peroxa, con 8.000 euros para a celebración de campionatos na provincia.

O Club Deportivo Córgomo Vilamarín recibirá 8.421,60 euros para o mantemento do campo de fútbol.

A Xunta de Goberno tamén estableceu as bonificacións correspondentes ás entidades polo uso das instalacións do Pazo dos Deportes Paco Paz durante a tempada 2025-2026.

251.000 EUROS PARA ACTIVIDADE ECONOMICA E MEDIO RURAL

As iniciativas empresariais, económicas e vinculadas ao medio rural concentrarán outros 251.000 euros. O Círculo de Empresarios de Galicia recibirá 70.000 euros para o programa Ourense en Círculo. A Confederación Empresarial de Ourense contará con 69.000 euros, repartidos entre 60.000 euros para gastos de funcionamento e 9.000 euros para a súa gala de empresas.

ATAVE obterá 55.000 euros para gastos de funcionamento e AGROMACEN contará con 30.000 euros para o asesoramento ás comunidades de montes veciñais en man común da provincia.

Finalmente, a Asociación de Empresarios Ribeira Sacra Next recibirá 15.000 euros para as súas actividades e Executivas de Galicia contará con 12.000 euros para o proxecto Xerando redes +45.

“Cada unha destas actuacións responde a unha realidade diferente, pero todas comparten un mesmo obxectivo: transformar os recursos provinciais en servizos, actividade e oportunidades”, concluíu Luis Menor.

0.13603496551514