A Deputación de Ourense mobiliza preto dun millón de euros en axudas a concellos, entidades e programas de benestar para maiores

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou este xoves a distribución de axudas por un importe total de 998.298,19 euros, destinadas á cooperación con concellos e entidades e a programas de apoio ao benestar das persoas maiores, entre outras actuacións.
Dentro desta liña, destaca a segunda convocatoria de axudas para a reforma de vivendas e a adquisición de equipamento técnico destinado a persoas maiores de 65 anos, que contou cunha dotación de 150.000 euros. Nesta edición concedéronse 70 axudas que permitirán mobilizar máis de 225.000 euros en obras de mellora en fogares da provincia.
Segundo explicou o presidente da Deputación, Luis Menor, esta iniciativa supón "unha política orientada ao benestar dos maiores, un dos colectivos máis numerosos da provincia, apostando por facilitar o envellecemento na súa casa e no seu concello".
A convocatoria rexistrou unha elevada demanda, con 300 solicitudes presentadas e esgotamento do crédito ao día seguinte da súa apertura. As actuacións financiadas céntranse principalmente en melloras de habitabilidade, accesibilidade e adquisición de axudas técnicas.
En termos económicos, oito de cada dez euros concedidos destínanse a investimento en obras e equipamento, mentres que o resto cobre gasto corrente. A axuda media sitúase en 2.142,86 euros por persoa beneficiaria, e máis da metade acadou a contía máxima de 2.500 euros.
O programa ten presenza en preto dun terzo dos concellos da provincia, con especial incidencia en municipios como Ribadavia, A Veiga, Piñor e Pereiro de Aguiar, entre outros. O obxectivo, segundo a institución provincial, é favorecer a autonomía das persoas maiores e permitir que poidan permanecer no seu fogar e contorna habitual.
COOPERACION COS CONCELLOS
No mesmo pleno, a Deputación aprobou 10 axudas destinadas a 7 concellos e unha mancomunidade, por un importe total de 403.528,09 euros, centradas en infraestruturas deportivas, mellora de viarios e outras actuacións locais.
Entre as achegas destacan 117.820,03 euros para o Concello de Lobios para melloras no entorno do balneario; 20.000 euros para un programa deportivo-terapéutico en Muíños; 50.000 euros para a Mancomunidade de Verín; ou 106.000 euros para distintas actuacións no Concello de Cartelle, entre outras.
Tamén se recollen investimentos en Riós, Coles e Cualedro, así como apoio a eventos deportivos e melloras de camiños municipais noutros puntos da provincia.
APOIO A ENTIDADES
A Deputación aprobou ademais achegas por valor de 444.770,1 euros destinadas a 20 entidades de distintos ámbitos, incluíndo colectivos sociais, deportivos, culturais e económicos.
Entre elas figuran 40.000 euros para a Fundación Discapacitados Psíquicos Terra de Celanova, 30.000 euros para o Banco de Alimentos de Ourense, 20.000 euros para a Federación Española de Deportes para Persoas con Discapacidade Intelectual (FEDDI), ou 45.000 euros para o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.
Tamén se inclúen axudas a federacións deportivas, asociacións culturais, entidades enogastronómicas e organizacións de ámbito social e rural, así como apoio a clubs e eventos deportivos da provincia.
CIBERSEGURIDADE
Na sesión tamén foi aprobada a política de seguridade da información da Deputación e dos seus organismos dependentes, no marco do proceso para obter a certificación no Esquema Nacional de Seguridade.
Este sistema permitirá reforzar a protección dos datos institucionais e garantir a confidencialidade, integridade e dispoñibilidade da información, especialmente no contexto do impulso da administración dixital.
A orde do día completouse con modificacións do plan provincial de cooperación que afectan aos concellos de Barbadás, Celanova e Xunqueira de Ambía, así como outros asuntos administrativos e de xestión interna.