A Deputación de Ourense pon en marcha un novo sistema para facilitar a administración electrónica

OurenseXa
O novo sistema permite aos cidadáns realizar as súas solicitudes administrativas á Área de Benestar da Deputación a través de diferentes canles adaptadas a cada colectivo sen ter que desprazarse ata as oficinas
Rocío M. M
Rocío M. M
30 Out 2024

O sistema de firma por voz posto en marcha pola Deputación de Ourense está a facer máis accesible a administración electrónica a todas as persoas. Un claro exemplo das facilidades que ofrece este servizo foi Rocío M. M., nai de trixemelgos, que puido presentar a solicitude ao Programa provincial de fomento da natalidade “ChegOU” desde a súa propia casa.

Para realizar a solicitude, a interesada tan só tivo que chamar á Área de Benestar para fixar unha cita e presentar a solicitude desde a súa casa, só cun móbil e a través de videochamada na que o empregado público cubriu a solicitude on-line. Rematada a solicitude, revisouna no seu dispositivo e procedeu a firmala por voz e nese momento xa recibiu unha mensaxe coa súa solicitude rexistrada.

Unha administración máis accesible

Co obxectivo de lograr unha administración dixital máis sinxela e accesible, a Área de Benestar da Deputación configurou un sistema para que as persoas que non dispoñen de medios e/ou de coñecementos tecnolóxicos poidan ter o mesmo dereito que os cidadáns dixitais, é dicir, que opten aos mesmos prazos e coa menor carga administrativa posible.

Para elo, estableceuse un sistema multicanle no que a administración provincial se adapta ás capacidades dixitais de cada persoa, establecendo diferentes canles para as diferentes opcións. Deste modo, a Deputación de Ourense fai compatible a atención á cidadanía dixital coa atención aos colectivos que máis sofren a brecha dixital asegurándose de que todas as persoas teñen unha vía de atención diferente con igual dereitos en prazos de resolución.

Cinco canles de atención adaptados aos diferentes colectivos

Ata 2023 existían catro vías ou canles de atención ata que o ano pasado, incorporouse unha nova: a “firma por voz” que permite que calquera persoa que non teña ordenador, coñecementos tecnolóxicos ou certificado dixital, poida presentar a súa solicitude ante a administración provincial desde o seu teléfono móbil firmando a solicitude, a través da súa vez, o que se coñece como “firma biométrica vocal”.

0.17634201049805