A Deputación de Ourense presenta dúas modificacións de crédito por máis de 20,2 millóns

OurenseXa
Con esta medida, a institución provincial elevará os recursos destinados neste mandato ás entidades locais á histórica cifra de 102,5 millóns de euros
luis-menor
17 Apr 2026

A Deputación de Ourense prevé aprobar dúas novas modificacións de crédito que permitirán mobilizar máis de 20,2 millóns de euros procedentes do remanente de tesourería do pasado ano, elevando así a 102,5 millóns o financiamento directo ás entidades locais durante o actual mandato.

Ambos expedientes serán presentados o vindeiro mércores na Comisión de Contas, Facenda e Recursos Humanos e céntranse, por unha banda, na cooperación cos concellos e, pola outra, na colaboración con entidades.

No ámbito municipal, destinaranse máis de 12,8 millóns de euros para financiar preto de 300 actuacións en concellos de menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos agás a capital. Estes investimentos orientaranse principalmente á mellora de servizos básicos como saneamento, abastecemento, acondicionamento de rúas ou arranxo de camiños rurais, ademais de actuacións en eficiencia enerxética e actividades culturais e recreativas. Tamén se inclúen obras para reparar infraestruturas afectadas polos incendios do pasado verán e polos temporais do inverno.

Dentro deste apartado, a institución provincial reservará 750.000 euros para cofinanciar a construción ou reforma de residencias e centros de día en colaboración coa Xunta de Galicia nos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Xunqueira de Ambía, así como outros 300.000 euros para actuacións na contorna de centros de maiores en Padrenda e Piñor.

En materia deportiva, os investimentos superan os 1,4 millóns de euros para melloras en campos de fútbol de seis concellos, ademais da ampliación do polideportivo de Barbadás e da construción de novas instalacións en Vilamarín.

Así mesmo, contémplanse axudas de 250.000 euros para concellos con conservatorios de música, repartidas entre O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. Tamén se inclúen achegas para os concellos que albergan bases dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), cunha axuda de 40.000 euros para cada un, así como financiamento adicional para a base de Protección Civil de Laza.

O segundo expediente contempla máis de 7,2 millóns de euros para financiar preto de 270 actividades impulsadas por entidades de distintos ámbitos, como o empresarial, social, cultural, deportivo ou medioambiental. Dentro deste bloque, destínase algo máis dun millón de euros a mancomunidades da provincia.

Entre as actuacións destacadas figura unha achega de 500.000 euros á mancomunidade de Verín para cofinanciar o Plan de Actuación Integrado “Futuro Verde do Alto Támega”, promovido por varios concellos das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras.

Con estas dúas modificacións, o goberno provincial presidido por Luis Menor suma xa 48,1 millóns de euros mobilizados no que vai de ano a través de tres expedientes, tras unha primeira modificación aprobada en marzo por importe de 27,8 millóns destinada a reforzar o funcionamento de distintas áreas e servizos da institución.

0.11901497840881