A Deputación de Ourense presenta un novo número de 'Raigame' polo cincuenta cabodano de Otero Pedrayo

OurenseXa
A publicación, centrada na figura e no legado do escritor, inclúe ademais a reedición dun antigo número dedicado integramente á súa obra e distribuirase de xeito gratuíto por toda a provincia
Revista Raigame Deputación Ourense
23 Sep 2026

A Deputación de Ourense deu a coñecer o número 55 da revista Raigame, que nesta edición xira arredor da figura de Ramón Otero Pedrayo con motivo do seu cincuenta cabodano. A presentación deste exemplar, editado polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, tivo lugar no Pazo Provincial e contou coa participación do vicepresidente segundo da institución e deputado de Cultura, César Fernández; o director da revista, Xulio Fernández; e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López.

Ao longo das súas páxinas, a publicación achega aos lectores a un dos referentes da cultura galega, percorrendo tanto as terras de Trasalba —cun texto asinado por Xaquín Lorenzo Fernández— coma a cidade de Ourense, escenario de boa parte da súa traxectoria intelectual.

Durante o acto, César Fernández salientou que a cultura mantén "un papel central na acción de goberno da Deputación", un compromiso que se reflicte en iniciativas coma esta, que neste caso rende homenaxe a unha figura "sen a cal non poderiamos entender o galeguismo".

Pola súa banda, o presidente da Fundación destacou o carácter "de unificación" que representa Otero Pedrayo, capaz de reunir "sentimentos de tódolos ámbitos", e lembrou que a súa figura conseguiu, pasadas xa varias décadas, que todo o Parlamento galego respalde que 2026 sexa declarado ano oteriano.

O director da revista explicou, ademais, que este novo número recolle e amplía contidos xa publicados en 2001, con motivo do 25 aniversario do pasamento do escritor, incorporando agora artigos inéditos.

Cunha tirada de 750 exemplares, este número contou coa colaboración da Fundación Otero Pedrayo, o Consello da Cultura Galega, o Arquivo Sonoro de Galicia e a Biblioteca da Deputación de Ourense, ademais da participación de especialistas como Patricia Arias Chachero e Felipe-Senén.

Reedición dun número histórico

Coincidindo con esta efeméride, decidiuse reeditar tamén o número 12 da revista, publicado orixinalmente en 2001 e dedicado integramente a Otero Pedrayo. Este volume reúne colaboracións de persoas que o coñeceron persoalmente, como Agustín Sixto Seco, Francisco Fernández del Riego ou Xosé Ogando Vázquez, así como achegas de estudosos da súa obra como Marcos Valcárcel, Afonso Vázquez-Monxardín, Camilo Valdeorras e Carlos Baliñas.

A esta reedición súmanse os artigos que no seu momento se publicaron no número 14, asinados entre outros por Xosé Paz, Borobó ou Beatriz Lorenzo, xunto a unha escolma de literatura epistolar con Gonzalo Gurriarán e Carlos Baliñas Fernández, ademais doutros traballos aparecidos en distintos números de Raigame.

O exemplar péchase con dous artigos, obra de Delfín Caseiro e Afonso Vázquez-Monxardín, centrados na voz e no discurso do autor. O primeiro recolle unha escolma das súas palabras organizada arredor dos temas recorrentes da súa obra, mentres que o segundo detense na viaxe de Otero Pedrayo a Bos Aires en 1959, reproducindo o discurso que pronunciou no xantar-homenaxe do Día de Galicia celebrado no Centro Ourensán da capital arxentina.

A revista distribuirase de xeito gratuíto entre todos os concellos da provincia de Ourense, centros educativos, bibliotecas, museos e asociacións culturais. Calquera persoa interesada tamén poderá retirala sen custo nas dependencias do Servizo de Publicacións ou no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo - Escola de Danza da Deputación de Ourense.

0.15591502189636