A Deputación de Ourense prevé un aparcadoiro gratuíto de ata 391 prazas no barrio da Cuña

O sur de Ourense contará nos próximos meses cunha nova bolsa de aparcadoiro gratuíto pensada para descongestionar unha das zonas con maior afluencia de vehículos da cidade. A institución provincial puxo en marcha a tramitación dun solar situado entre as rúas Alberto García e Cuña de Abaixo, un terreo da súa propiedade onde conviven a diario os veciños do barrio con pacientes, acompañantes, estudantes e traballadores que se desprazan ata os servizos próximos.
O proxecto, de carácter provisional, nace como resposta a un problema concreto: as obras de adaptación de rampas previstas na zona van eliminar temporalmente parte das prazas que hoxe existen nas rúas da contorna. Ante esa circunstancia, o ente provincial optou por habilitar un espazo propio antes de que se note a perda de aparcamento, para o cal deberá contar co visto bo municipal mediante a licenza correspondente.
O planteamento artéllase en dúas fases que se irán activando segundo a demanda real dos usuarios. Nun primeiro momento porán en servizo 200 prazas, trece delas adaptadas, nunha parcela de 6.332,30 metros cadrados. Os traballos —que inclúen o movemento de terras, a pavimentación, un sistema de drenaxe para a choiva, a sinalización e oito puntos de luz con enerxía solar— están orzamentados en 419.270,02 euros e prolongaranse durante catro meses. Só se o uso do aparcadoiro o xustifica acometerase unha segunda fase, con 191 prazas máis (oito accesibles) sobre outros 5.000 metros cadrados colindantes, ata sumar un total de 391 prazas e unha superficie conxunta de 11.333,10 metros cadrados. De chegar a completarse ambas as fases, o custo global rondaría os 900.000 euros.
Máis alá do impacto no propio barrio, desde a Deputación insistiuse no valor que terá este espazo para o conxunto da provincia. A súa proximidade ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense —a uns 500 metros dos centros do Cristal e Santa María Nai— convérteo nun punto de referencia para quen acode a consultas ou acompaña a pacientes desde outros concellos, moitos deles con escasa conexión en transporte público. A localización, a menos de 500 metros tamén da Universidade Laboral, favorece ademais a estudantes e traballadores, e queda preto doutros equipamentos do sur da cidade como o centro de saúde, o CIFP A Farixa, o Paco Paz ou o recinto de Expourense.
A idea de fondo é que quen chegue en coche desde fóra da cidade poida deixar o vehículo neste aparcadoiro e continuar a pé ou en transporte urbano, aliviando así a presión de tráfico que hoxe soportan as rúas da Cuña en busca de sitio onde estacionar.
Ao tratarse dunha instalación pensada para ser temporal, o seu deseño permitirá desmontala e reaproveitar os materiais empregados cando, no futuro, se defina o desenvolvemento urbanístico definitivo destes terreos.