A Deputación de Ourense realiza a maior aposta da súa historia polo terceiro sector, con máis de 460.000 euros en axudas

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Trátase dun incremento orzamentario superior ao 70% respecto de convocatorias anteriores
xunta-de-goberno-deputacion-de-ourense
29 Jun 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns un total de 29 asuntos que mobilizan 1.204.755 euros, destinados a reforzar a cooperación cos concellos e a apoiar o tecido social, cultural, deportivo e económico da provincia.

A principal decisión da sesión foi a resolución da convocatoria pública de subvencións para entidades sociais sen ánimo de lucro, que supón a maior aposta realizada pola Deputación de Ourense polo terceiro sector, cun incremento orzamentario superior ao 70% respecto de convocatorias anteriores.

En total, destínanse 461.558,24 euros a 58 entidades sociais, que desenvolverán proxectos centrados na atención a persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia, persoas con enfermidades crónicas e raras, saúde mental, inserción laboral, igualdade, inclusión social e acompañamento a colectivos vulnerables.

Segundo destacou o presidente provincial, Luis Menor, trátase dunha mostra da sensibilidade da Deputación con quen máis o precisa e do compromiso da institución co labor que realizan estas entidades na provincia.

As entidades beneficiarias inclúen, entre outras, ARELA, Cáritas Diocesana de Ourense, Down Ourense, FEAFES Galicia, Fundación Secretariado Gitano, Cruz Vermella, COGAMI, Asociación Española Contra o Cancro, ALCER Ourense, FADEMGA Plena Inclusión Galicia, Asociación Autismo ApúntasTE, ACEGA, IGAXES ou Provivienda, entre outras.

Ademais desta convocatoria, a Xunta de Goberno aprobou novas achegas a entidades sociais, culturais, deportivas e económicas.

No ámbito social, destínanse 50.000 euros a COGAMI, 50.000 euros a Cruz Vermella para gastos de funcionamento, 15.000 euros ao seu programa de intervención coa infancia e 30.000 euros a Cáritas Ourense para axudas á alimentación.

No ámbito cultural, apróbanse 5.000 euros para a Agrupación de Libreiros de Ourense, 5.000 euros para a Comisión da Festa do Chuletón de Garabás, 15.000 euros para a Unión Musical de Allariz, 12.000 euros para a Asociación Cultural Xan de Arzúa e 5.000 euros para o Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

No ámbito deportivo, concédense 8.000 euros ao Club Hóckey Barrocás, 15.000 euros ao Club Deportivo Arnoia e 12.000 euros á Escola Balonmán Ribeiro.

No eido económico e agroalimentario, apróbanse achegas para ASAGA, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e a Confederación Empresarial de Ourense, destinadas a programas de dixitalización, apoio ao sector vitivinícola e inserción laboral.

A sesión tamén incluíu modificacións do Plan provincial de cooperación en concellos como Parada do Sil e Sandiás, así como achegas a mancomunidades por un total de 150.000 euros.

Ademais, aprobáronse colaboracións con distintos concellos para servizos e infraestruturas municipais, como 50.000 euros para os conservatorios de Barco de Valdeorras, O Carballiño e Xinzo de Limia, 18.000 euros para Taboadela, 28.000 euros para Xunqueira de Espadanedo ou 70.000 euros para O Irixo, entre outras achegas.

Luis Menor subliñou que estes acordos reflicten o compromiso da Deputación coas persoas, cos concellos e co tecido asociativo, reforzando os servizos públicos e a cohesión territorial da provincia.

0.1251380443573