A Deputación de Ourense recibe o 1º accésit do Premio Juan Raya Gómez pola súa proposta de apoio aos pequenos concellos

GaliciaXa | OurenseXa
A institución provincial recibe o recoñecemento á innovación no control e xestión pública pola súa candidatura “A colaboración da Deputación Provincial no control financeiro: un reto de Ourense”
dep-ourense-premio-juana-raya
8 May 2026

A Deputación de Ourense vén de ser recoñecida co primeiro accésit do Premio Juan Raya Gómez á innovación no control e xestión pública local 2026, un galardón que distingue iniciativas orientadas á mellora da administración pública local. O premio foi concedido pola candidatura titulada “A colaboración da Deputación Provincial no control financeiro: un reto de Ourense”.

O recoñecemento entregouse no marco da VI Xornada do Sector Local, celebrada en formato online, nun acto seguido polo equipo de intervención da institución provincial desde o Pazo Provincial.

A proposta presentada pola Deputación céntrase na asistencia técnica que presta aos pequenos municipios en materia de control financeiro permanente, especialmente no ámbito da supervisión das nóminas municipais. O proxecto parte da idea de que as deputacións poden desempeñar un papel máis amplo que o apoio económico ou xurídico habitual, actuando como estruturas especializadas para reforzar a capacidade administrativa dos concellos con menos recursos.

Segundo a iniciativa premiada, moitos municipios pequenos carecen de persoal técnico e medios suficientes para implantar sistemas avanzados de control financeiro, polo que o modelo proposto aposta pola cooperación supramunicipal para mellorar a xestión e optimizar recursos. A candidatura destaca tamén os resultados obtidos pola propia Deputación de Ourense, sinalando que a aplicación de métodos de mellora continua permitiu elevar o cumprimento documental nos expedientes de nóminas desde o 61,69 % ata alcanzar o 100 % en varios exercicios.

O proxecto piloto está pensado inicialmente para os 28 municipios ourensáns con menos de 1.000 habitantes, concellos que presentan unha estrutura administrativa máis limitada. Neste sentido, a institución provincial subliña que esta colaboración “non substitúe a autonomía municipal, senón que a fai máis efectiva”. Así, a proposta aposta por iniciar este sistema de control financeiro a través das nóminas municipais, ao tratarse dun gasto común en todos os concellos e que permite aplicar unha metodoloxía contable uniforme. O custo estimado do proxecto sería de arredor de 5.943 euros, o que supón uns 212 euros por municipio, unha contía inferior á que terían que asumir os concellos se desenvolvesen este control de maneira individual.

A iniciativa recoñecida no certame baséase na cooperación institucional, a prevención de riscos e a creación de sistemas compartidos de aprendizaxe e xestión para mellorar o funcionamento da administración local.

0.12046504020691