A Deputación de Ourense reclama prazos para a estación ferroviaria de mercadorías de San Cibrao

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou na Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, onde volveu reclamar ao Goberno de España avances concretos para a posta en marcha da estación ferroviaria de mercadorías. Menor definiu esta infraestrutura como "un proxecto de provincia" e considerouna fundamental para acompañar o crecemento industrial de Ourense.
Durante a súa intervención, o presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación coas demandas do tecido empresarial e reclamou ao Executivo estatal "decisións, compromisos e prazos" para impulsar o proxecto.
A asemblea tivo tamén un carácter especial ao ser a última presidida por José Antonio Rodríguez Araújo, que remata oito anos á fronte da asociación tras completar dous mandatos. Menor agradeceu o seu traballo, a súa capacidade de interlocución e a defensa dos intereses das empresas, recoñecemento que estendeu á xunta directiva e ao equipo da entidade. Tras a celebración da asemblea iniciarase o proceso para elixir unha nova presidencia.
Menor destacou que o apoio da Deputación ao desenvolvemento económico da provincia abrangue ámbitos como a internacionalización, a dixitalización e a sustentabilidade das empresas, ademais da colaboración para ampliar o solo empresarial e mellorar os servizos das áreas industriais.
"O obxectivo é crear condicións para que as empresas aquí asentadas poidan medrar e para que novos investimentos atopen en Ourense un lugar onde establecerse e xerar emprego", afirmou. Neste sentido, sinalou que a provincia dispón de máis de 2,7 millóns de metros cadrados de solo industrial en diferentes fases de tramitación, urbanización ou execución, cun investimento global de 126,1 millóns de euros.
O presidente provincial puxo tamén en valor a ampliación do Polígono de San Cibrao, impulsada pola Xunta, como unha actuación destinada a responder ás necesidades de crecemento das empresas e facilitar a chegada de novos proxectos industriais.
Para Menor, o incremento da superficie empresarial debe ir acompañado dunha mellora das conexións. Nese contexto, defendeu a estación ferroviaria de mercadorías como unha infraestrutura necesaria para reducir os custos loxísticos, aumentar a competitividade das compañías e facilitar o acceso aos mercados estatais e europeos.
Segundo destacou, os beneficios desta conexión non se limitarían ao propio polígono de San Cibrao, senón que poderían estenderse ás demais áreas industriais da contorna e ao conxunto do tecido produtivo provincial.
"Mentres a Xunta impulsa a ampliación do polígono, o Goberno central segue mirando para outro lado ante a demanda da estación de mercadorías", afirmou Menor, que reclamou ao Executivo estatal que "asuma a súa responsabilidade e dea un impulso efectivo a este proxecto".
O presidente da Deputación pechou a súa intervención reiterando a vontade da institución provincial de manter a colaboración co tecido empresarial e coa futura dirección da asociación. "O futuro industrial de San Cibrao é tamén o futuro de toda a provincia", salientou.